Trump tamén vence o 'vicecandidato' preferido pola Xunta

O candidato demócrata á vicepresidencia dos EEUU, Tim Kaine, o pasado xuño en Santiago con Feijóo Dominio Público Xunta de Galicia

Tim Kaine, compañeiro de candidatura de Hilary Clinton, non será vicepresidente dos Estados Unidos. A derrota dos demócratas fronte ao republicano Donal Trump tira por terra as moderadas expectativas que o Goberno de Feijóo tiña depositadas nun político que fala castelán non polo peso do latino no seu país senón porque se declara namorado de España e que coñece Galicia, onde estivo o pasado mes de xuño, falando a poucos metros da tumba de Castelao.

A derrota de Clinton desmonta a esperanza da Xunta no interese por Galicia do seu candidato a vicepresidente, Tim Kaine

Tim Kaine, de 58 anos, centrista, foi gobernador de Virxinia, presidente do Comité Nacional Demócrata e era senador polo seu estado cando o pasado 22 de xullo Clinton o elixiu como candidato á vicepresidencia. De orixe irlandesa, relixioso e educado polos xesuítas, domina o castelán ata o nivel de ser a primeira persoa que pronuncia un discurso enteiro nesa lingua no Senado. É presidente de honra do United States-Spain Council, contraparte da Fundación Consejo España-EEUU, entidades que traballan no impulso das relacións entre ambos estados e que celebraron a súa última reunión ao máis alto nivel en Galicia os pasados 17 e 18 de xuño.

Foi neses días, nos que se reuniu con Feijóo, cando Kaine pronunciou un discurso na igrexa de Bonaval, xunto ao Panteón de Galegos Ilustres, onde se celebrou o encontro, ou coñeceu o Pazo de Oca. Un mes despois, ao ser elixido candidato á vicepresidencia dos EEUU polos demócratas, o propio Feijóo felicitábao e o seu equipo comezaba a amosar a súa aberta aposta polo candidato máis afín a Galicia.

Xunto coa aposta por Kaine, hai tempo que destacados membros do PP galego, mesmo entre o equipo máis próximo a Feijóo, veñen amosando o seu rexeitamento ao republicano Donald Trump. Un rexeitamento similar ao do resto de partidos galegos, coa diferenza de que a Xunta será agora quen teña que xestionar eses posicionamentos políticos nada diplomáticos.

O propio vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, publicou chíos en Twitter pouco favorables para Trump e mesmo culpando de xeito irónico ao socialista Pedro Sánchez da derrota de Clinton pola súa viaxe dos últimos días aos Estados Unidos. Outros destacados responsables do PP galego veñen salientando a similitude do populismo que ao seu ver practican Trump, Podemos e as mareas.

Tim Kaine intervindo na reunión do United States-Spain Council na igrexa de Bonaval, xunto ao Panteón de Galegos Ilustres Dominio Público @usspaincouncil
Tim Kaine e Hilary Clinton nesta pasada campaña electoral Dominio Público Partido Demócrata

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.