Pontón esgrime a "ilusión" do BNG fronte ao "autonomismo fosilizado" de Feijóo

Pontón, durante o seu discurso no debate de investidura © Parlamento de Galicia

Houbo persoas que "a única alegría que tiveron" a noite electoral do 25S "foi o resultado do BNG". A portavoz nacional e voceira parlamentaria do Bloque, Ana Pontón, resumiu deste xeito ante o pleno do Parlamento un dos estímulos que, di, ten a formación soberanista para teimar na súa "ilusión por cambiar as cousas" ante a terceira investidura consecutiva de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Ate a nova maioría absoluta conservadora a que dende este xoves é a primeira muller da historia da autonomía en intervir nunha destas sesións reivindica a nova xeira do BNG como a mellor aternativa fronte ao "autonomismo fosilizado" que, di, representa o líder do PP.

Entre as risas de dous dos piares do grupo dos populares, o secretario xeral, Miguel Tellado, e a deputada Paula Prado, Pontón reivindicou o resultado da formación nacionalista para advertir que, no novo período lexislativo, o Bloque tampouco se vai "abster das súas ideas". O PP, di, goza da "lexitimidade" da maioría absoluta para gobernar, pero non de "máis razóns" tras case oito anos que "non trouxeron a felicidade", como augurara Feijóo. Esa promesa, reprochou, non se cumpriu nas vidas reais de persoas como Lola, moza que traballa "10 horas ao día por 700 euros ao mes", Manuel, parado de longa duración, ou Rosa, unha pensionista con alzheimer que apenas percibe 600 euros mensuais.

"Vostede é un gran propagandista, pero a propaganda non dá de comer á xente"

O candidato Feijóo, di a nacionalista, debera deterse a pensar se, ás portas do seu terceiro mandato, pode "mirar aos ollos" a persoas coma estas e dicirlles "se vai facer algo diferente". No entanto, lamenta, quen de novo será presidente está instalado no "día da marmota", mesmo reciclando propostas como plans de emprego ou pactos polo rural. "Vostede é un gran propagandista, pero a propaganda non lle dá de comer á xente", resume.

Propostas fronte á "corrupción legal"

A líder do BNG insta o candidato a demostrar que é "militante de Galiza" comezando por desbloquear o traspaso da AP-9

Mentres o 'número dous' de Feijóo no partido transitaba polos corredores do hemiciclo conversando con diversos deputados do seu grupo a líder do Bloque formulou as que, di, son algunhas das súas alternativas fronte ás políticas de Feijóo, algunhas das cales Pontón encadra na "corrupción legal". É o caso, di, da "inmoral" prórroga de ENCE, ou da "estafa legal" da autoestrada AP-9, cuxa transferencia permanece bloqueada polo PP no Congreso, operación que é mostra palpable, di, de que o "peso" de Feijóo na cúpula do seu propio partido é, realmente, "un peso pluma". Se o conservador quere demostrar que é "militante de Galiza", advirte, debera comezar por propiciar o cumprimento do traspaso, acordado por unanimidade na pasada lexislatura.

O "rescate dos servizos públicos", un plan de retorno da mocidade emigrada ou a loita contra a violencia machista, resalta, serán para o BNG outros dos eixos dunha lexislatura na que a formación actuará "con toda a humildade, pero tamén con toda a franqueza". "Non nos rouban un ápice as gañas de loitar" e por iso "as súas maiorías non nos van impedir que sigamos defendendo que Galiza é un pobo con dereito a gobernarse". O obxectivo, ao cabo, é "unha Galiza ceibe nun mundo de iguais e en paz".

Ana Pontón e a vicevoceira do BNG, Olalla Rodil, no pleno de investidura © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.