"Non esperabamos un nivel tan alto de concentración na contratación da obra pública"

Mariano Rajoy e a ex ministra Ana Pastor, nas obras do AVE Zamora-Ourense © Civio

Este mércores publicáronse os resultados de ¿Quién cobra la obra?, un laborioso proxecto desenvolvido nos últimos meses pola Fundación Civio, que buscaba investigar que construtoras foran beneficiadas nos últimos anos polos contratos de obra pública adxudicados en España. Analizáronse todos os contratos publicados no BOE entre 2009 e 2015, un total de 8.058 adxudicacións que suman 38.828 millóns de euros. A principal conclusión obtida é que a parte máis importante dos contratos repartiuse entre moi poucas mans. Os dez grandes grupos da construción en España (ACS, Acciona, FCC, Grupo Ferrovial, Sacyr, Comsa, Isolux Corsán, Grupo Villar Mir, COPISA e Grupo Sando) obtiveron 7 de cada 10 euros concedidos, 23.871 millóns do total de 38.828 millóns adxudicados. 

Os dez grandes grupos da construción en España obtiveron 7 de cada 10 euros concedidos, 23.871 millóns do total de 38.828 millóns adxudicados

O equipo que desenvolveu o proxecto analizou o peso destes grupos empresariais, destacando que "estes dez xigantes da construción teñen outra cousa en común: todos viron como as súas marcas se vinculaban a un ou outro -ou varios- casos de corrupción". ACS foi, con gran diferenza, a empresa máis beneficiada polos contratos de obra pública, recibindo o 17% dos cartos totais. Unhas asignacións nas que non entran outras adxudicacións públicas, coma por exemplo os contratos de limpeza e recollida de lixo. Eva Belmonte, directora do proxecto, destaca que "non esperabamos tanta concentración. É certo que os contratos que aparecen no BOE son grandes, pero no caso da Administración Xeral do Estado falamos dos contratos que superan os 100 mil euros, tampouco son superobras. E sorprendeunos o nivel de concentración, mesmo nestes contratos".

Civio afonda ademais na análise das superobras, os contratos de maior contía, un feixe de adxudicacións entre os 117 e os 366 millóns de euros, entre as que atopamos dous proxectos que afectan de cheo a Galicia: a construción do AVE entre Zamora e Ourense (con catro contratos que suman 583 millóns de euros) e a ampliación da Ponte de Rande (130,6 millóns de euros). No caso destes grandes contratos, Belmonte salienta o feito de que "a maioría das obras estean paralizadas, unha constatación de que na época da burbulla se tirara moitísimo diñeiro aí". Entre estes 30 grandes proxectos, a maior parte corresponden ao Ministerio de Fomento, principalmente a actuacións ferroviarias, sobre todo relacionadas coa Alta Velocidade. E, ademais, nunha boa parte deles producíronse importantes sobrecustes.

A investigación tamén atopou que tanto en 2013 coma en 2014 o 60% dos contratos dos distintos ministerios se adxudicaron vía negociado, a gran maioría sen publicidade

A investigación tamén atopou que tanto en 2013 coma en 2014 o 60% dos contratos dos distintos ministerios se adxudicaron vía negociado, a gran maioría sen publicidade, a pesar de que a Lei de Contratos do Sector Público sinala que “a adxudicación realizarase, ordinariamente, utilizando o procedemento aberto ou o procedemento restrinxido”. Unhas "ilegalidades cotiás" denunciadas polo Tribunal de Contas.

Outra das conclusións foi a constatación da opacidade que aínda rodea as adxudicacións de contratos públicos e as dificultades que o equipo de Civio atopou para facerse cos datos que buscaba. "Esperabamos que fose complicado, pero nunca tanto", explica Eva Belmonte. "Os datos podiámolos obter de varias fontes: de Contratación do Estado, onde están moi dispersos, ou recorrer ao BOE. Optamos finalmente polo BOE, co problema de que os datos alí non tiñan unha estrutura uniforme, onde nuns contratos aparecía o prezo noutros aparecía o obxecto. Con todo isto tivemos que crear unha base de datos, que nos levou moito tempo", di.

Outro problema tivo que ver coa opacidade dos contratos concedidos a UTEs (Unións Temporais de Empresas), o 59,2% do total. "Se ti queres saber quen está detrás dunha UTE e que porcentaxe ten cada empresa non podes sabelo. Cando llo solicitamos a Facenda, dixéronnos que era información fiscal e que está protexida; recorremos ante o Consello de Transparencia e tamén nos negou esa información. Así que tivemos que ir procurando unha por unha que empresas estaban detrás de cada UTE. O que non puidemos chegar a saber foi a porcentaxe que cada empresa tiña en cada UTE", sinala.

Outro problema tivo que ver coa opacidade dos contratos concedidos a UTEs, o 59,2% do total. "Se ti queres saber quen está detrás dunha UTE e que porcentaxe ten cada empresa non podes sabelo", di Eva Belmonte

Ademais de ofrecer as súas conclusións, como é habitual nos proxectos de Civio, ábrese a posibilidade de buscar na base de datos resultante da investigación. Unha investigación que puido realizarse grazas ás achegas económicas das 250 persoas que responderon á campaña de crowdfunding previa. Outro dos apartados que incorpora a investigación é unha explicación sinxela, a xeito de Guía simplificada, do funcionamento da complexa Lei de Contratos do Sector Público, un Glosario e un avance de como será esta lei trala reforma á que será sometida nesta lexislatura, obrigada pola aplicación dunha serie de directivas europeas aprobadas en 2014 e aínda non transpostas en España, que establecen novas obrigas de publicidade e control. Entre outros aspectos, restrinxirase o uso do contrato negociado sen publicidade; ademais, terá que haber organismos que supervisen o cumprimento das normas de contratación.

"Cando comezamos este proxecto custounos moito entender como funciona a lei e que norma rexe en cada momento. Pensamos que era interesante ofrecer ese traballo que fixéramos, ao igual que abrimos outras partes dos distintos proxectos que facemos", explica Eva Belmonte, que salienta que "neste tema vemos, escoitando algunhas declaracións, que persoas que teñen responsabilidades políticas sobre este asunto non teñen nin idea de como funciona a administración. Polo tanto, cremos que isto pode axudar a que o debate sexa máis informado e que se algún cargo público di unha burrada sexa doado dicirlle que está trabucado".

"Neste tema vemos, escoitando algunhas declaracións, que persoas que teñen responsabilidades políticas sobre este asunto non teñen nin idea de como funciona a administración"

Na adxudicación de contratos públicos en España a opacidade era a norma. Nos últimos distintas iniciativas están promovendo a necesidade de establecer obrigas de transparencia que garantan a limpeza nestes procesos, pero a propia Belmonte recoñece que aínda estamos moi lonxe de que esta sexa unha prioridade social: "Reclámase transparencia, pero reclámase dende unha porcentaxe moi pequena da poboación. Non todo o mundo está pedindo coma tolos transparencia á porta do Ministerio. Houbo pasos adiante nalgunha administración, pero se non hai unha lei xenérica que obrigue a facer públicos certos datos, a transparencia seguirá sendo algo illado, en certos temas, ou porque tivemos sorte de que un determinado político cre nisto e durante un tempo abriu a información".

"As administracións públicas seguen entendendo a transparencia como transparencia cara aos outros licitadores, pero non se entende a transparencia como algo que o cidadán ten dereito"

"Hai que reformar as leis para que establezan, por exemplo, que calquera sobrecuste se ten que publicar e xustificar, algo ao que xa obrigan as directivas europeas. As actas de adxudicación teñen que ser públicas, temos que saber quen está detrás de cada UTE. O problema é que ata agora, por moito que se reclame máis, as administracións públicas seguen entendendo a transparencia como transparencia cara aos outros licitadores, de xeito que todas as empresas que participan teñan acceso á mesma información. Pero non se entende a transparencia como algo que o cidadán ten dereito para exercer unha vixilancia", conclúe.

 

COPASA, primeira entre os contratos da Xunta que aparecen no BOE

A investigación recolle os 37 contratos adxudicados pola Xunta de Galicia entre 2009 e 2015 que foron publicados no BOE, cun valor total de 468 millóns de euros. O grupo empresarial que recibiu máis encargos foi Copasa, que está presente, de forma directa ou a través de UTE, no 17,7% do total do importe adxudicado. Entre os contratos concedidos de forma directa, no entanto, o total está moi repartido, con montantes que van dos 41 millóns de euros de CRC (a que máis recibiu) aos 17 millóns de Construcciones Mon (12ª empresa cun importe maior). Na base de datos atopamos tamén obras públicas contratadas polas tres universidades galegas e polos concellos de Moaña e Lugo. 

Destacan algunhas obras de grande importancia, sobre todo concedidas polo Ministerio de Fomento, como é o caso da Autovía A-54 (ACS, 88 millóns de euros), da electrificación da liña de tren Vigo-A Coruña (UTE: Deneo Energía e Infraestructuras, S.A. - Grupo Villar Mir - Siemens - Vimac, 65 millóns), da Autovía A-57 (San José, 59 millóns), do Acceso ao Porto Exterior da Coruña (UTE: Antalsis - Puentes y Calzadas Infraestructuras, 57,5 millóns) ou da lonxa do Porto de Ribeira (Acciona, 15 millóns).

 

Eva Belmonte, directora do proxecto © UMH
A ampliación da Ponte de Rande tamén figura entre as maiores adxudicacións dos últimos anos © Civio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.