A oposición muda o orzamento do goberno de Pontevedra, que ve unha "moción de censura encuberta"

Pleno no Concello de Pontevedra, no Teatro Principal da cidade CC-BY-SA Praza Pública

O BNG goberna o Concello de Pontevedra con 12 edís, un por baixo da maioría absoluta. O resto da corporación conta cunha das composicións máis heteroxéneas da súa historia: 7 representantes do PP, 3 do PSdeG, 2 da Marea de Pontevedra e 1 de Ciudadanos, cuxos votos suman a metade máis un da corporación. Estes catro grupos veñen de botar man desa maioría para sacar adiante ata 22 das 32 emendas que formularan aos orzamentos do goberno que encabeza Miguel Anxo Fernández Lores, un apoio mutuo que, aseguran, responde á intención de "mellorar" as contas, pero que para o alcalde é a escenificación de toda unha "moción de censura encuberta e covarde" froito dun "pacto en todra regra" para "tombar" o goberno e "destrozar" o seu proxecto.

As contas pontevedresas para 2017 afrontaban este mércores o seu derradeiro chanzo antes de pasar polo pleno, o trámite en comisión. Alí os grupos da oposición chegaron con ata 34 propostas de modificación ao proxecto e sacaron adiante, contra o criterio do goberno, ata 22 delas. Entre as mudanzas aprobadas figura, por exemplo, unha do PP para iniciar os traballos sobre un novo PXOM que resta 300.000 euros á partida de composteiros, colectores e recollida selectiva de residuos, ou outra dos conservadores para implantar un "transporte colectivo urbano de viaxeiros", con 595.000 euros restados a cinco partidas, as máis cuantiosas a de mobiliario e enseres (300.000) e a de melloras da accesibilidade urbana (115.000).

O goberno ve un "pacto en toda regra" para "destrozar" o proxecto e PP, PSdeG, Marea e C's din "mellorar" as contas

Pola banda do PSdeG aprobáronse medidas como crear unha partida que recolla a taxa para as empresas de telefonía móbil ou a modificación dos fondos de accesibilidade urbana , o financiamento dun "plan de reactivación económica" minorando a dotación de outras sete áreas ou o traslado dun aparcadoiro de autocaravanas. Marea de Pontevedra sacou adiante ata sete modificacións, as máis cuantiosas para "nova creación da renda social municipal", que minora fundamentalmente as partidas de cultura e festas en máis de 200.000 euros, e obras nun centro cívico do rural; estas mudanzas suman algo máis de medio millón de euros. A edil de Ciudadanos puido aprobar unha "subvención a emprendedores", un "servizo de asesoramento a emprendedores" e unha partida sobre traballadores sociais, entre outras.

Lores: "Non imos aprobar estes orzamentos, estaríamos atados de pés e mans"

Neste escenario, tras estas profundas mudanzas sufridas polo orzamento os grupos impulsores dos cambios dan por "melloradas" as contas e acusan o alcalde "non saber dialogar" ou "negociar", segundo recolle Pontevedra Viva. Neste escenario, PP, PSdeG e Marea de Pontevedra din ter a previsión de votar a prol da nova versión do orzamento, mentres que a concelleira de Ciudadanos, María Rey, manterá o voto negativo porque "estou en contra do modelo de cidade que nos venden os nacionalistas".

Mentres, o rexedor pontevedrés xa traballa nun plan alternativo, que previsiblemente pode pasar pola retirada do orzamento modificado e a prórroga do anterior. "Non imos aprobar estes orzamentos porque estaríamos atados de pés e mans" e obrigados, acusa o nacionalista, a "destruír" o "modelo de cidade" que vén implantando o BNG dende a chegada ao goberno en 1999. A oposición, censura, optou por unha "manobra" que cabe cualificar de "gamberrada contra os intereses dos cidadáns" co obxectivo de "impedir gobernar" ao Bloque

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.