Lores ligará o orzamento do goberno de Pontevedra a unha cuestión de confianza se non é aprobado

Pleno do Concello de Pontevedra, este luns no Teatro Principal da cidade CC-BY-SA Praza Pública

O botón vermello da política local. O artigo 197 da actual lei electoral outorga ás alcaldías a posibilidade de formular unha cuestión de confianza, isto é, de propiciar unha votación en pleno sobre a continuidade ou non do goberno ligada á aprobación de catro tipos de asuntos, un deles os orzamentos xerais do concello. Este é o escenario no que semella que rematará a crise aberta no Concello de Pontevedra tras a aprobación en comisión dunha vintena de emendas dos grupos da oposición -PP, PSdeG, Marea e Ciudadanos-, cuxo contido é unha "mellora" do proxecto para estas formacións, pero unha "moción de censura encuberta" para o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que este luns retirou o orzamento modificado da orde do día do pleno por ser "manifestamente ilegal", di, apoiándose nos informes da intervención municipal.

"Esta Alcaldía -explicou Lores nun pleno marcado pola tensión- non ía permitir que se votase" o "orzamento alternativo da oposición" porque "os técnicos municicipal di que as emendas, das emendas das emendas" formuladas polos grupos nos últimos tres días "non solucionaron a ilegalidade total dese ditame". Adicionalmente, advirte, o BNG "non vai gobernar cun orzamento perpetrado e destrozado pola oposición", xa que "ningunha lei" o obriga a facelo. O que a lei si contempla, di, é que o goberno poida someter a votación o proxecto orixinal e "de ser o caso que non se acade a maioría suficiente, sometelos a unha moción de confianza". E iso vai ser o que suceda.

Lores: "Mentres eu sexa alcalde non se aprobarán uns orzamentos que destrozan o feito durante moitos anos"

Así as cousas, o vindeiro día 23 a corporación pontevedresa volverá xuntarse en pleno co orzamento do goberno sobre a mesa. Se o proxecto do Bloque é rexeitado -ten 12 dos 25 edís do pleno- Lores ligará a súa aprobación á devandita cuestión de confianza. Se esta é aprobada, o goberno continuará exercendo e os orzamentos, aprobados. Se non o é, os grupos da oposición terían un mes para formularen conxuntamente unha moción de censura cun alcalde alternativo. En caso de non o faceren, o goberno ficaría referendado e o orzamento, aprobado inicialmente. "Mentres eu sexa alcalde non se aprobarán uns orzamentos que destrozan o que levamos facendo durante moitos anos", advirte o nacionalista. O resto de grupos, resalta, poden "presentar unha moción de censura cando queiran, pero de fronte".

Se tras a cuestión de confianza a oposición non formula unha moción de censura o goberno e o orzamento fican referendados

As intervencións de Lores foron retrucadas con dureza dende a oposición, especialmente pola banda do PP, dende cuxas bancadas se acusou o rexedor de actuar "como Maduro", en referencia ao presidente de Venezuela. "Leva dezasete anos de alcalde e non sabe nin convocar un pleno", acusou o popular Jacobo Moreira, nun contexto no que o voceiro dos conservadores en materia de Facenda, Rafael Domínguez, asegura que estudará "medidas legais" contra o alcalde. "Ten que aprender como se fan en toda España os orzamentos; conséguense votos negociando, non facendo triquiñuelas vergoñentas", afirma.

Aínda que noutro ton, tamén PSdeG e Marea rexeitaron a intención de levar a pleno o orzamento orixinal. Así, o socialista Tino Fernández reclama poder presentar emendas antes dese novo pleno, mentres que dende Marea Pontevedra o seu voceiro, Luís Rei, afirma "non ter inconveniente" na retirada, "porque o Regulamento o prevé". "O que non me parece lexítimo" e supón ao seu xuízo "un atropelo" é "que se pretenda aproveitar esa retirada para convocar un pleno no que se omiten as votacións" das emendas da oposición. O ditame emendado, di Rei, "é perfectamente válido" e "debería ser votado tamén"

Lores, durante o debate sobre o orzamento CC-BY-SA Praza Pública
Voceiros de PP, PSdeG e Marea e voceira de C's, durante o pleno CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.