0 Gardados para despois

A Audiencia Nacional devolve á legalidade a Causa Galiza

Redacción | @prazapublica

A Audiencia Nacional vén de deixar sen efecto a ilegalización de facto de Causa Galiza, aínda que segue a manter as imputacións a nove dos seus membros, investigados por supostos delitos de "inegración en banda armada e enaltecemento do terrorismo". Joám Peres, un dos imputados da operación Jaro, foi quen deu a coñecer este martes o auto do pasado 14 de decembro no que o xuíz Eloy Velasco anulaba a "suspensión cautelar da actividade" da organización independentista. 

Un auto do xuíz Eloy Velasco anula a "suspensión cautelar de actividade" que pesaba sobre Causa Galiza

Segundo Peres, esta resolución da Audiencia Nacional supón un "pau importante" ao "proceso represivo iniciado en 2015" e considera que "deixa sen unha das súas bases fundamentais ao sumario e ao proceso iniciado coa operación da Garda Civil". Para este imputado, "o independentismo gañou un importante pulso" ao alto tribunal pero advirte que, "paradoxalmente" mantense aberto o proceso contra os militantes do partido agora legalizado de novo.

Así, Peres cre que "a recuperación do estatus legal" da formación -logo de 14 meses de ilegalización de facto- "desmonta parcialmente o discurso segundo o cal Causa Galiza sería o suposto brazo político dunha organización ilegal". O investigado na operación Jaro, que compareceu en rolda de prensa xunto a outros dos investigados, di descoñecer cal será a evolución do proceso pero entende que este auto supón "unha desconstrución da montaxe policial e xudicial" e que a caída deste "peza" debería traer consigo, "en consecuencia", o arquivo da causa contra os nove" independentistas. 

Peres asegura que, "co auto nas mans" quedan rexeitadas "todas as acusacións que se lanzaron". Na súa opinión, a operación Jaro foi "unha montaxe política para afogar a opción independentista e para mantela na marxinalidade". 

"A recuperación do estatus legal desmonta parcialmente o discurso segundo o cal Causa Galiza sería o suposto brazo político dunha organización ilegal"

Ademais, Peres considera esta decisión do xuíz Velasco foi "froito da campaña permanente de denuncia das extremas medidas que o réxime español adopta contra o independentismo galego" e asegurou que Causa Galiza prevé iniciar axiña os trámites para inscribirse como organización política no rexistro do Ministerio do Interior e "reinicir o proceso de construción dun proxecto independentista". 

Causa Galiza iniciará axiña os trámites para inscribirse como organización independentista no rexistro de Interior

Malia todo, e ante o mantemento das imputacións aos nove independentistas, Peres cre que é necesario continuar coa campaña para "esixir o arquivo da causa", que xa apoiaron uns 80 colectivos e que seguirá cunha manifestación para o vindeiro mes de abril. Ademais, anunciou que presentarán unha denuncia contra o Reino de España ante o Comité de Detencións Arbitrarias da ONU para dar a coñecer "cales son as metodoloxías represivas que o Estado emprega contra o independentismo galego" e que conformarán unha pltaforma para "denunciar" a continuidade dun proceso xudicial que pode supoñer "varios anos de prisión" para os investigados. 

© Causa Galiza

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.