Os Baltar logran dilatar a investigación por suborno e acoso coa recusación da xuíza

José Manuel Baltar con Marisol Díaz, cabeza de lista do PP por Ourense © PP Ourense

A xuíza que investiga os Baltar fica afastada temporalmente da causa. Concretamente, ata que a Audiencia Provincial de Ourense resolva sobre a recusación formulada por José Manuel Baltar e mais polo seu pai, José Luis Baltar, que a través de cadanseus avogados tentan separar definitivamente a maxistrada da causa que instrúe contra eles por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencias e, no caso do actual presidente do PP e da Deputación ourensá, tamén de acoso sexual.

Tanto o actual barón popular como o seu proxenitor e antecesor en ambos cargos tentan dende hai tempo frear, anular, ou cando menos dilatar a instrución aberta dende finais de 2015, cando a xuíza Armesto admitiu a trámite a denuncia da muller que acusa a Baltar fillo de ofrecerlle un emprego na Deputación a cambio de sexo cando quen presidía a institución aínda era o pai. A demanda fora arquivada pola Fiscalía ourensá pero, no entanto, seguiu o seu percorrido no xulgado, onde José Manuel Baltar pasou a estar investigado -antiga imputación- xunto coa propia denunciante e, posteriormente, tamén José Luis Baltar.

José Manuel Baltar e o seu pai argumentan a través dos seus avogados que a maxistrada os investiga por inimizade e cuestións ideolóxicas ou persoais

Neste escenario, o líder do PP de Ourense tentou sen éxito anular a causa e mais expulsar da mesma ao partido Democracia Ourensana, que actúa como acusación popular. Tras non logralo reclamou que os presuntos delitos fosen dados por prescritos, unha tese que apoiou a Fiscalía pero que a xuíza Armesto rexeitou pasando a ordenar, ademais, novas dilixencias de investigación. Foi neste contexto no que os Baltar promoveron a recusación da xuíza para tentar provocar que abandone o caso.

Mentres a Audiencia resolve a acusación a instrución pasa ao xuíz substituto, ante o que o líder do PP de Ourense tentará a nulidade da causa

Como adiantou Faro de Vigo na súa edición ourensá o primeiro movemento neste sentido foi o do avogado de José Manuel Baltar, o titular do despacho madrileño Montero Estévez. Segundo o letrado, a xuíza Armesto, titular do xulgado de violencia de xénero de Ourense, debe absterse nesta causa por "inimizade ou interese en contra" de Baltar ou do PP. As acusacións contra os Baltar, acrecentou, poden deberse a cuestións "ideolóxicas" ou "persoais" que, en calquera caso, levan a xuíza a desenvolver unha acusación "inconsistente" e sen "independencia" e sen unha "imparcialidade" da que tamén di dubidar o avogado de José Luis Baltar.

Neste contexto, a xuíza admitiu as recusacións e, como corresponde, elevounas á Audiencia Provincial, que terá que resolver ao respecto. A denunciante, tamén investigada, a acusación popular de DO e mesmo a Fiscalía opóñense a esa recusación. Mentres a cuestión non sexa resolta a xuíza Eva Armesto non intervirá na instrución, que pasa formalmente ás mans do seu substituto, o titular do xulgado número dous, Luis Doval, ante quen o avogado de José Manuel Baltar volverá procurar que a causa sexa anulada.

José Manuel Baltar con Marisol Díaz, cabeza de lista do PP por Ourense © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.