Cinco conselleiros deixan o Parlamento mentres seguen os que soan como candidatos nas municipais

Feijóo, xunto aos conselleiros do Goberno galego © Xunta

Os conselleiros de Facenda, Valeriano Martínez; de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez; de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; e de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, deixarán a acta de deputados para centrarse no seu labor na Xunta.

Os conselleiros de Facenda, Infraestruturas, Cultura, Sanidade e Medio Rural deixan a acta de deputados

Así o informou o grupo parlamentario do PP nun comunicado, no que aclara que os cinco conselleiros deixarán a acta "durante a próxima semana", co obxectivo de que os seus substitutos tomen posesión no seguinte pleno. Con esta decisión cumprirase coa vontade que expresara o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que non todos os conselleiros compatibilizasen a súa acta na Cámara co traballo institucional.

No entanto, si haberá quen o siga facendo. El mesmo conservará a acta no Parlamento e o seu traballo á fronte do Goberno, tal e como determina a lexislación autonómica. Tamén o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a responsable de Medio Ambiente e Territorio, Beatriz Mato; o de Política Social, José Manuel Rey Varela e a de Mar; Rosa Quintana. Moitos destes nomes soan desde hai tempo como máis que posibles candidatos do PP nas vindeiras eleccións municipais. A súa presenza simultánea no Executivo e na Cámara duplica a súa visibilidade nos vindeiros anos. 

Rueda, Beatriz Mato, Rey Varela, Conde e Rosa Quintana continuarán no Parlamento

Hai pouco máis dun mes, o propio Alfonso Rueda asegurara que os conselleiros "con máis perfil político" eran "os máis axeitados" para manter a súa acta como deputados populares, aínda que aclarara que esa era a súa "opinión" e que a última palabra sería a de Feijóo. E o presidente vén de actuar tal cal. 

.Para substituír os conselleiros que deixarán a acta entrarán no Parlamento Soraya Salorio e Gonzalo Trenor, pola provincia da Coruña e Isabel Novo, Moisés Rodríguez e Jacobo Moreira, pola de Pontevedra. En canto se confirmen estes cambios, o grupo Popular reorganizará as súas portavocías e integrantes nas comisións.

Feijóo, xunto aos conselleiros do Goberno galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.