O BNG pide nos Peares que a Xunta recupere a xestión pública dos saltos hidroeléctricos

Pancartas despregadas no encoro dos Peares CC-BY-NC-SA BNG

"Galiza produce, Madrid consume. Tarifa eléctrica". O BNG despregou este domingo no encoro dos Peares pancartas coas que a formación nacionalista quixo amosar que é posíbel actuar desde as institucións para regular o mercado eléctrico permitindo que as galegas e galegos se poidan beneficiar da condición de produtora enerxética do país". 

O BNG levou a cabo este acto simbólico no encoro dos Peares, localidade onde se criou Feijóo

Na vila onde se criou o presidente Núñez Feijóo -e onde levou a cabo un relevante acto na última campaña electoral-, as deputadas Olalla Rodil e Noa Presas participaron neste acto simbólico. A primeira explicou que das 44 centrais de gran hidráulica operativas na actualidade en Galicia, "31 delas foron impulsadas durante a ditadura franquista, de xeito alleo aos intereses e necesidades" do país e "xerando grandes custos sociais e medioambientais”. Así, a parlamentaria lucense lembrou que hai tan só uns días, parroquias de Portomarían ou O Saviñao, onde se anegaron parroquias para construír o encoro do Belesar, "estiveron até cinco días sen luz". "Con xestión e control público isto non pasaría", advertiu.

O Bloque insta o Goberno a que aproveite que as concesións están a piques de caducar para que recupere a xestión pública 

Ademais, Noa Presas cre que Galicia está "nun momento clave". E instou a Xunta a que recupere a xestión dos saltos hidroeléctricos media unha empresa pública aproveitando que moitas das concesións están a piques de caducar. Sobre os beneficios que isto xeraría para a poboación, a deputada nacionalista engadiu que “nun momento onde todo o mundo fala de pobreza enerxética", o BNG avoga por sinalar a "riqueza enerxética" do país.

"Este tipo de construcións están amortizadas e é hora de que revertan no ben da veciñanza. O propio goberno recoñeceu nunha pregunta do BNG que só unha destas concesión ten cláusulas sociais, polo que estamos a regalar os recursos a cambio de nada”, asegura o Bloque, que pedirán no Parlamento que a Xunta estude a viabilidade dunha tarifa eléctrica galega.

"Este tipo de construcións están amortizadas e é hora de que revertan no ben da veciñanza"

Ao respecto, Rodil lembrou que segundo os últimos datos do Inega (2012) "Galiza exporta un 40% da electricidade e como vemos en Belesar, temos na nosa terra o impacto da produción". "Non temos ningún beneficio mentres o Estado acrecenta a carga impositiva da factura”, dixo. 

Pola súa banda, Presas recordou como “de acordo cos cálculos realizados, a fixación dunha tarifa eléctrica galega que permitise compensar o impacto ecolóxico e social causado pola instalación destas infraestruturas suporía unha redución directa do recibo da luz nos fogares e tamén nas empresas por volta dun 30%". "Galiza podería beneficiarse do feito de ser excedentaria de enerxía ao contrario do que está a acontecer na actualidade onde a veciñanza localizada a carón dos encoros non conta nin con subministro suficiente", remataron. 

Pancartas despregadas no encoro dos Peares CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.