O PP gastou na campaña das eleccións galegas case o mesmo que toda a oposición xunta

Feijóo, nun mitin da campaña do 25-S en Ourense CC-BY-SA PPdeG

Tras o reconto dos votos, o reconto dos cartos. O Consello de Contas vén de culminar a a fiscalización da contabilidade que manexaron as forzas políticas con representación parlamentaria nas eleccións galegas do pasado 25 de setembro, das que resultou a terceira maioría absoluta consecutiva do PP de Alberto Núñez Feijóo. Os partidos que obtiveron escanos no lexislativo galego destinaron ás súas campañas un total de 3,9 millóns de euros, entre gastos ordinarios e envíos de propaganda electoral. O montante total do gasto electoral das forzas con representación parlamentaria caeu un 11,5% con relación a 2012 aínda que o PP, o partido con máis recursos, aumentou o seu gasto un 25%, ata os 1,91 millóns, o que supón un importe practicamente idéntico ao de toda a oposición xunta.

O Consello de Contas vén de entregar ao Parlamento a fiscalización da contabilidade electoral

O informe sobre os gastos electorais que o organismo fiscalizador vén de rexistrar no Parlamento reflicte que, malia ao incremento do límite de gastos electorais aprobado en 2015 na nova lei galega de financiamento dos partidos, as forzas da esquerda que agora sentan no Parlamento desenvolveron campañas máis austeras que hai catro anos. Así, a suma dos gastos electorais de En Marea, PSdeG e BNG roldou os 1,97 millóns de euros, isto é, apenas 600.000 euros máis entre as tres que o PP en solitario.

No caso do PSdeG, tras uns anos de fortes dificultades económicas -o partido está inmerso nun plan de viabilidade que o obrigou a reducir persoal mentres reducía a débeda de 2,1 millóns a 765.000 euros-, os 1,2 millóns que destinou á campaña entre gastos xerais e envíos de propaganda electoral supoñen unha redución superior ao 34% a respecto da campaña de 2012. O BNG, que tamén atravesou unha complexa situación económica nos últimos anos e xa fixera pública a súa contabilidade electoral, axustou aínda máis o seu orzamento e fixo campaña con case un 60% menos de recursos, quedando un chisco por riba dos 330.000 euros. En Marea, que se estreaba na competencia electoral galega con estas siglas, manxeou algo máis de 481.000 euros, o que supón un gasto un 34% inferior ao realizado por Alternativa Galega de Esquerda catro anos antes.

Fronte ás estreiteces da esquerda, o PP aproveitou moito máis folgadamente os novos límites de gasto. Como PSdeG e BNG -En Marea non podía facelo, por non presentarse en 2012- o partido que sustenta ao Goberno acolleuse á previsión legal de solicitar un anticipo das subvencións electorais ata o limiar legal, isto é, o 30% do cobrado nos anteriores comicios. Incorporou así ás súas contas algo máis de 394.000 euros, aos que incorporou despois o montante máis importante do seu orzamento: 1,3 millóns procedentes das arcas do propio partido. O peto electoral dos conservadores completouse con 214.000 euros dun crédito bancario.

O montante principal do orzamento do PP foron 1,3 millóns do propio partido e En Marea estableceu un sistema de microcréditos

A que tras os comicios acabou sendo a segunda forza en votos, En Marea, non dispuxo dos devanditos anticipos e, como anunciara, non recorreu ao endebedamento bancario. A súa fonte de financiamento máis cuantiosa foron os préstamos das forzas políticas que a impulsaron, algo máis de 309.000 euros ás que o Consello de Contas deu o carácter de "doazóns" por non ter constancia documental de que o "compromiso de devolución" é "efectivo". Esa mesma consideración contable é a que o organismo fiscalizador outorga aos 109.000 euros que En Marea ingresou pola vía dos microcréditos de simpatizantes -achegas de 300 a 6.000 euros-. As contribucións por baixo de 300 euros sumaron outros 14.000 euros, aos que se engadiron 49.000 da propia formación política.

O PSdeG, pola súa banda, sustentou o seu orzamento electoral sobre todo nun crédito de 646.700 euros, que manexou xunto aos 246.000 do anticipo da Administración e outros 250.000 que achegou o propio partido. A campaña do Bloque, de magnitudes moito máis baixas, tivo como partida principal o anticipo público, 187.400 euros, e a continuación 100.000 euros dun crédito. Chegou aos 330.400 euros tras sumar case 43.000 euros achegados pola propia organización nacionalista. 

O gasto do PP en publicidade exterior foi semellante a todo o orzamento electoral do BNG

Os orzamentos foron dispares e, daquela, tamén o foron o reparto deses cartos. Así, o informe que o Consello de Contas tramita no Parlamento amosa, por exemplo, que os gastos do PP en publicidade exterior (328.000 euros) acadan practicamente a mesma cantidade que a de todo o orzamento electoral do BNG, ou que a achega dos conservadores para publicidade en prensa e radio (321.000 euros) e para mitins, transportes e demais infraestrutura de campaña (910.970 euros) achégase á suma do orzamento electoral de En Marea e do PSdeG.

A única partida na que o PP se moveu en magnitudes máis próximas ao resto de candidaturas con representación parlamentaria foron os envíos de papeletas e propaganda electoral, 347.772 euros, que mesmo quedaron un chisco por baixo dos 386.300 euros que o PSdeG destinou a esta finalidade. En Marea, pola súa banda, destinou a envíos 252.400 euros, o que implica que o seu orzamento para esta finalidade foi superior aos 229.000 euros cos que financiou todo o resto da campaña. Mentres, o BNG pagou 113.000 euros en envíos e case 218.000 euros no resto da campaña.

As subvencións

O límite das subvencións electorais aumentou un 33% pola lei de financiamento que o PP impulsou en 2015

Nun contexto no que o Consello de Contas non detectou irregularidades na contabilidade electoral de ningunha das catro forzas -só apercibiu a En Marea pola "falta de organización, estrutura e ordenación dos documentos" e deixou fóra da "consideración de gastos electorais" 1.200 euros do seu orzamento-, o organismo fiscalizador deulles luz verde ás subvencións que as forzas políticas poden percibir conforme á nova lei, cuxo límite foi incrementado un 33% por decisión da Xunta. Deste xeito, os partidos con representación teñen dereito a 20.763,77 euros por escano e a 0,77 euros por voto nas circunscrición na que obtiveran escano. A este montante súmanse 22 céntimos por habitante para o envío de papeletas e propaganda electoral.

Atendendo a estas regras ao PP correspondeulle unha subvención de 1,7 millóns de euros -incluíndo o anticipo-, polo que os conservadores só teñen que facer fronte a uns 200.000 euros dos 1,9 millóns que destinaron á terceira carreira electoral de Alberto Núñez Feijóo. A En Marea correspondeulle unha subvención de 480.209 euros, isto é, apenas 1.000 euros menos dos gastados, e o PSdeG ingresará por subvención electoral un total de 628.389 euros, algo máis da metade do que gastou. Ao Bloque, certifica Contas, correspóndelle unha subvención electoral de 329.640 euros, a máis axustada ao orzamento real.

Luís Villares (En Marea), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana Pontón (BNG) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.