0 Gardados para despois

O TSXG condena a Xunta pola morte de dous brigadistas en Fornelos en 2010

Redacción | @prazapublica

O 12 de agosto de 2010 dous brigadistas morreron cando loitaban contra o lume en Fornelos de Montes. Ao ano seguinte, as súas familias recibiron unha indemnización conxunta de 75 mil euros, unha cantidade que xulgaron insuficiente, ao considerar que as eivas e fallos no dispositivo público de extinción foran determinantes no fatal desenlace. Por ese motivo, reclamáronlle á Xunta o pagamento dunha nova indemnización de 175 mil euros, en concepto de responsabilidade patrimonial da Administración. A negativa do Goberno galego fixo que o asunto rematase nos tribunais.

A sentenza obriga o Goberno galego a indemnizar as familias con 52.500 euros, unha terceira parte do solicitado

O TSXG vén de emitir sentenza, determinando a responsabilidade da Xunta na morte dos dous brigadistas, considerando que houbo un "deficiente funcionamento dos servizos públicos" e obrigando o Goberno galego a indemnizar as familias con 52.500 euros, unha terceira parte do solicitado. No ditame detállanse as declaracións das testemuñas, que coinciden en sinalar que, á chegada dos brigadistas ao lugar do incendio, o lume era "controlable" e non había vento nin existía perigo excesivo, unha situación que cambiou rapidamente. Nese momento, a ausencia no lugar da motobomba coa que se esperaba contar foi determinante.

O xuíz conclúe que "tanto os medios materiais de que dispuñan os brigadistas como os protocolos a seguir foron os adecuados ás esixencias da situación producida" e que "as decisións conxuntas adoptadas polos brigadistas foron en todo momento correctas e acordes ás distintas vicisitudes que foi presentando o lume". Porén, subliña que no sucedido foi clave a excesiva tardanza do vehículo motobomba en chegar ao lugar: "Non vale argüír que o condutor da motobomba descoñecía a paraxe e non deu coa entrada de acceso ao lugar do incendio, tendo que ir na súa busca un dos membros da brigada que conseguiu contactar con el na estrada xeral e conducilo ao punto do sinistro".

O xuíz subliña que no sucedido foi clave a excesiva tardanza do vehículo motobomba en chegar ao lugar

O ditame aprecia tamén responsabilidade na propia acción dos brigadistas falecidos, pero indica que isto non elimina a responsabilidade da Administración: "Que dous dos brigadistas, presas do natural pánico, trabucasen a súa conduta e penetrasen en dirección ao lume, coas fatais consecuencias apuntadas, aínda que minora a responsabilidade da Administración, non a exclúe na súa integridade". Este feito reduce a indemnización que finalmente a sentenza obriga a Xunta a pagar, rebaixando os 175 mil euros solicitados a 52.500. O Goberno galego pode presentar recurso de casación ante este ditame.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.