Anova pide "volver aos consensos constituíntes de En Marea do 30 de xullo"

Xuntanza da Coordinadora Nacional de Anova, este sábado en Teo © Anova

A Coordinadora Nacional de Anova reuniuse este sábado para analizar "o momento actual do espazo de confluencia" en Galicia, ratificando o seu "compromiso inequívoco coa construción dun espazo de ruptura". O máximo órgano de decisión de Anova debateu e aprobou un documento que fixa "unha posición crítica respecto da evolución actual de En Marea", sinalando que "neste momento o debate non pode centrase na conformación dos órgaos de dirección de En Marea, senón no debate político, nas liñas de actuación a desenvolver no seo da sociedade galega". 

O máximo órgano de decisión de Anova debateu e aprobou un documento que fixa "unha posición crítica respecto da evolución actual de En Marea"

Anova afirma que "é necesario que o espazo político da confluencia, que representa a alternativa ao Partido Popular, se reconstrúa ao redor dos consensos fundacionais da Asemblea de Vigo do 30 de xullo". "O Plenario do 15 de xullo debe recuperar o fío condutor do consensos fundacionais dos que se dotou o noso espazo político na Asemblea de Vigo do 30 de xullo no que decidimos construír, en código aberto, de abaixo a arriba, unha fórmula para superar as formas de coalición e de partido clásicos, para termos un instrumento para o desenvolvemento de políticas de ruptura e a construción dunha alternativa de goberno ao Partido Popular", asegura a formación.

A Coordinadora Nacional de Anova destaca que "dende 2012, Anova participou en diferentes propostas políticas e organizativas para dar resposta a un proceso de radicalización da crise que multiplicou as formas de desigualdade e ao abeiro da cal se impuxeron receitas e medidas ultraliberais contrarias aos intereses da maioría social". E subliña que "a normalización da crise é a normalización tamén das desigualdades. Un proceso que atravesa diferentes espazos sociais e que no político pretende construír un rexeneracionismo de conciliación, subordinado ás lóxicas do Réxime, para bloquear un proceso de ruptura democrática".

"O Plenario debe recuperar o fío condutor dos consensos fundacionais da Asemblea de Vigo", na que "decidimos construír, en código aberto, de abaixo a arriba, unha fórmula para superar as formas de coalición e de partido clásicos", di

"Nós impugnamos ese camiño: dende a nosa fundación apostamos pola transgresión, impulsando a cooperación política entre culturas políticas da esquerda nacional de Galiza para cuestionar abertamente os marcos da cultura política herdada de 1978, definindo o horizonte estratéxico propio a constitución da República Galega", di. "Galiza, co traballo desinteresado de centos de persoas, foi vangarda no proceso de confluencia. Anticipou novidades que viñeron a erosionar de maneira frontal o Réxime do 78. Temos que seguir traballando nesta liña, sen esquecer que a coalición conformada polo Partido Popular e os principais poderes económicos e mediáticos do noso Pais está a traballar para que nada mude. Vivimos un momento no que é necesario reforzar o traballo abaixo, no seo da sociedade civil, para activar o proceso da rebelión cívica", engade.

 

Xuntanza da Coordinadora Nacional de Anova, este sábado en Teo © Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.