0 Gardados para despois

Unha sentenza obriga a Xunta a indemnizar a un interino despedido

Redacción | @prazapublica

O CSIF denunciara a intención do Goberno galego de converter o seu persoal laboral en interino para aforrarse despedimentos, pero esta decisión ameazaría esa posibilidade, salienta o sindicato

O xulgado do Contencioso Administrativo número 2 da Coruña vén emitir unha sentenza na que recoñece a un funcionario interino unha indemnización tras o seu cesamento de 20 días por ano traballado, similar á que corresponde a un despedimento por causas obxectivas. O CSIF, que vén de divulgar a sentenza, salienta que é a primeira que recoñece ese dereito aos interinos, despois de varias que xa o recoñeceran ao persoal laboral. O sindicato tamén salienta que esta decisión ameaza o plan da Xunta de converter o seu persoal laboral en funcionarios interinos para así evitar o aboamento de indemnizacións ao prescindir deles.

Segundo salienta o CSIF, ata o momento os tribunais só se pronunciaran a favor do persoal laboral das administracións, pero aínda non recoñeceran o mesmo dereito a indemnización dos funcionarios interinos (“funcionarios que por razóns de necesidade e urxencia son nomeados para cubrir prazas vacantes, realizar substitucións ou afrontar exceso de tarefas ou programas, como ocorre en ámbitos como o ensino, a xustiza ou a sanidade”). Agora, o xulgado da Coruña recoñece a este docente a indemnización de 20 días por ano traballado.

O sindicato salienta que só en xuño foron cesadas en toda España 51.487 persoas

Segundo o CSIF, “esta sentenza abre a porta a miles de reclamacións, por exemplo, de profesores interinos que son cesados durante os meses de verán para reincorporarse en setembro”. O sindicato salienta que en toda España “só no mes de xuño foron cesadas 51.487 persoas, a cifra máis alta dos últimos nove anos”.

O sindicato de funcionarios salienta tamén as repercusións que esta sentenza podería ter en Galicia. O CSIF xa alertara de que a Xunta, a través da lei de acompañamento dos orzamentos, modificara a lei de emprego público para a progresiva “transformación en postos de traballo de natureza funcionarial de aqueles postos vacantes que viñan sendo desempeñados por persoal laboral temporal”, o que segundo o sindicato lle permite “converter en funcionarios interinos ao persoal laboral temporal para evitar así o pagamento de indemnizacións no caso de despedimento ou de amortización dos postos de traballo”. Porén, con esta nova sentenza o Goberno galego non podería aforrarse esas indemnizacións xa que terían dereito ás mesmas tanto o persoal laboral como os funcionarios interinos cesados.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.