Tres candidatos 'sanchistas' postúlanse xa para liderar o PSdeG

Caballero, Leiceaga e Villoslada CC-BY-SA Praza Pública

Gonzalo Caballero, Juan Díaz Villoslada e Xoaquín Fernández Leiceaga. Son, polo momento, os tres socialistas que amosaron a súa disposición a competir pola secretaría xeral do PSdeG nas eleccións primarias -aínda sen data- que prevén celebrarse o vindeiro outono. Se ben o actual portavoz parlamentario aínda non deu o 'si' definitivo, as súas declaracións sitúano xa en plena precampaña polo liderado do partido. "Eu podo achegar algo máis ca outros á secretaría do PSdeG", dixo este domingo en declaracións a Radio Galicia

"Eu podo achegar algo máis ca outros á secretaría do PSdeG", di Leiceaga

Os tres aspirantes sitúanse, con maior ou menor implicación, na contorna de apoio ao novo PSOE, ao que emerxeu tras a vitoria de Pedro Sánchez nas últimas primarias do partido a nivel estatal. Ben sexa polo seu apoio declarado ao actual líder, ben polo seu posicionamento contrario ás teses de Susana Díaz e dos veteranos apoios que recibiu a presidenta andaluza desde o PSdeG, Caballero, Villoslada e Leiceaga colócanse nun mesmo ámbito, aínda cos seus matices e diferenzas. No da opción socialista que, en Galicia, foi apoiada mesmo con moita máis forza que a nivel do Estado. O novo líder gañou no 84% das mesas das primarias no país

Caballero, Leiceaga e Villoslada posiciónanse con claridade no novo PSOE que emerxe tras a vitoria de Sánchez a nivel estatal

"Nunha situación política complexa como esta ás veces se precisa un pouco máis de experiencia política, de xestión de colectivos e, se se quere, de capacidade de interlocución na sociedade con outras forzas políticas e eu creo que aí podo achegar algo máis eu; eu teño un grao de coñecemento que os outros dous precandidatos ou outras persoas non teñen", asegurou este domingo Leiceaga, que mantén contactos no partido á espera de decidir, a finais de agosto, se se presenta ou non. Parece telo bastante claro: "Imos manter unha cautela. A miña predisposición non é negativa pero manteñamos unha cautela. Agora mesmo estou mais inclinado polo si que polo non, pero xa digo, en reflexión aínda". 

Preguntado, precisamente, polo feito de que os tres únicos aspirantes poidan ser incluídos no sanchismo, réstalle importancia e pide adaptar a situación a nivel estatal a Galicia, onde é "máis fácil facer oposición ao PP" pero é "máis difícil" reverter esa situación de maioría absoluta dos conservadores". 

"En Galicia xa quedou claro cando gañei as primarias a Xunta que o futuro pasa polo entendenmento con outras forzas de esquerda, con En Marea, un posicionamento que agora queda referendado co triunfo de Sánchez", di Leiceaga. 

Gonzalo Caballero advirte de que leva "máis de vinte anos" no PSdeG, onde "todo o mundo sabe quen é quen"

Gonzalo Caballero, pola súa banda, responde a aqueles que aluden á experiencia parlamentaria para avalar a súa candidatura asegurando que leva "máis de vinte anos" no PSdeG e que "todo o mundo sabe quen é quen" no partido. Logo de comezar a súa precampaña das primarias cun encontro con militantes en Compostela, o socialista vigués aposta por impulsar "un cambio para o futuro desde as bases" para deixar atrás "unha situación de incerteza e de certa debilidade" e conseguir "chegar á rúa, abrindo o partido e chegando á cidadanía". 

Ademais, insiste nun PSdeG "máis forte e renovado" e "moi situado á esquerda" co obxectivo de liderar "un proxecto que consiga o Goberno galego" porque, di, non se "resigna" a que unha Galicia "que vai peor no económico, no social e no demográfico" só poida ver as maiorías absolutas "dun PP incapaz e inefectivo". 

Villoslada reflexiona "seriamente" presentarse e cre que que é "unha obriga case moral asumir retos se podes axudar ao partido"

Pola súa banda, o deputado Juan Díaz Villoslada asegurou tamén nos últimos días que está "reflexionando seriamente" sobre a posibilidade de concorrer ás primarias pero tamén aclara que "é unha obriga case moral asumir retos se podes axudar o partido". Situado claramente tamén no apoio a Pedro Sánchez e no da actual presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, o ex-xerente da Universidade da Coruña.

O deputado coruñés cre que formar parte do grupo parlamentario socialista é unha vantaxe, grupo no que tamén está como portavoz Fernández Leiceaga, e confirma que xa iniciou a rolda de contactos co socialismo galego para decidir se finalmente se presenta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.