Ames aproba unhas pioneiras bases para regular a publicidade institucional do Concello

Presentación das bases para a contratación de publicidade institucional © Concello de Ames

O Concello de Ames vén de aprobar as bases orientadoras para a contratación de publicidade institucional, unha iniciativa pioneira que presentou este venres o goberno municipal e coa que se intenta dotar de transparencia e regular o investimento municipal neste eido. 

Ames aproba unhas pioneiras bases orientadoras para a contratación de publicidade institucional por parte do Concello

As bases establecen os criterios e mecanismos que rexen a contratación de publicidade institucional do Concello, de acordo coa Lei 29/2005, do 29 de decembro, de publicidade e comunicación institucional. Tal e como explicou Isabel Vaquero, concelleira de Comunicación e unha das presentes no acto de presentación, con esta normativa búscase "regular a contratación da publicidade institucional municipal, dotar de transparencia e permitir a fiscalización das relacións entre o Concello e os medios en materia de publicidade institucional, garantir a utilidade pública e a racionalidade na distribución da publicidade oficial, e contribuír á consolidación dun espazo de comunicación plural”. 

O Concello busca "regular a contratación da publicidade, transparencia, fiscalización das relacións cos medios, garantir a utilidade pública e racionalidade da distribución dos anuncios e consolidar un espazo de comunicación plural"

O alcalde de Ames, José Miñones, pola súa banda, asegurou que dende o goberno municipal queren "dispor dunha regulación clara e obxectiva para a contratación de publicidade, pero principalmente dotar de transparencia os procesos de contratación cos medios de comunicación", tal e como se recolleu no acordo de investidura e se levou a cabo coa implantación do portal da transparencia. Co obxectivo de "ir un pouco mais alá" elabases que foron aprobadas este venres na xunta de goberno local. 

O obxectivo principal, segundo o alcalde, é "dotar de transparencia os procesos de contratación cos medios de comunicación"

A titular de Comunicación, Isabel Vaquero, explicou que as bases "orientan a adquisición dos espazos publicitarios institucionais nos diferentes medios de comunicación" e están estruturadas en tres partes: na primeira recóllese a definición de publicidade institucional baseada na lei; na segunda parte, o procedemento que se vai a seguir cando se trate de contratos menores de publicidade; e na terceira, os criterios que se terán en conta para contratar: a difusión e audiencia (máximo 5 puntos), as condicións do medio (máximo 4 puntos), contidos en galego (máximo 7 puntos), responsabilidade social (máximo 5 puntos), e tarifas (máximo 15 puntos).

"É unha actuación absolutamente novidosa, xa que hai contratos e pregos para grandes contratos de publicidade, pero no que se refire a contratos menores e a criterios como estes non vin nada semellante", di Vaquero, que asegurou que o documento está inspirado nunha proposta de Compromís para o Concello de Alacant. "Buscamos transparencia, obxectividade, pluralidade e influír na medida do posible nos medios para que se son bos sexan aínda mellores para Ames e para o país”, destaca. 

As bases foron enviadas aos medios cos que o Concello de Ames traballa habitualmente e que están máis próximos ao propio Concello para que poidan facer as súas achegas nun prazo de 15 días. Durante o mes de agosto, os medios poderán comezar a presentar por Rexistro a documentación que se lles require nas devanditas bases para poder optar ás campañas que se publiquen por parte do Concello.

O Concello contou coa colaboración do Colexio de Xornalistas e a Asociación de Medios en Galego, que se felicitan polas bases aprobadas

Desde o goberno municipal agradeceuse a colaboración ao Colexio de Xornalistas de Galicia e á Asociación de Medios en Galego pola súa colaboración. Xaime Leiro, da primeira das entidades, destacou a posta en marcha da iniciativa e aplaudiu que se contase co Colexio para participar na elaboración do documento. Ademais, avanzou que se aproveitará o modelo para "tratar de exportar a outros municipios galegos". 

Xurxo Salgado, da Asociación de Medios en Galego, destacou “a transparencia, os valores democráticos, o acceso libre do cidadán á información e que se teña en conta o uso do galego como os puntos máis salientables destas bases" e o "paso moi grande" dado polo Concello de Ames. 

Pola súa banda, Genma Otero, concelleira de Economía e Facenda, cre que as bases "son un xeito de ampliar a pluralidade e dar cabida tanto aos grandes medios galegos como aos medios de ámbito comarcal e local”. Ademais, ofreceu os datos de gasto en publicidade e propaganda dos tres últimos anos. Así, en 2014 gastáronse 34.000 euros, en 2015 o gasto feito neste eido foi de 36.500 euros, mentres que en 2016 gastáronse 31.700 euros.

A nivel galego, o PP negárase xa en 2015 a tan sequera debater a lei de publicidade proposta pola Asociación de Medios en Galego que tiña obxectivos semellantes ás bases agora aprobadas en Ames: "cultivar, difundir e socializar o idioma galego" e que as axudas da Xunta ao sector "se repartan en convocatorias públicas e obxectivas ás que todos os medios poidan concorrer en igualdade de condicións"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.