O BNG denuncia a Fundación Franco na UE e nas Nacións Unidas

O Pazo de Meirás, nunha imaxe de Turismo de Galicia © Turismo de Galicia

O BNG denuncia a Fundación Francisco Franco ante a ONU e a Unión Europea. Así o adiantou este luns a súa portavoz nacional, Ana Pontón, acompañada da voceira en Europa, Ana Miranda. A formación nacionalista acudirá á Comisión Europea, á Eurocámara e á Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas ante a "aberrante utilización e xestión das visitas" ao Pazo de Meirás por parte da entidade fascista.

O BNG acode á Comisión Europea, Eurocámara e ONU pola "aberrante utilización e xestión das visitas" ao Pazo por parte da Fundación Franco

As denuncias da fundación ante o Parlamento Europeo e a ONU faranse por "apoloxía do fascismo", tal e como aclarou Miranda, que asegurou que a xestión por parte desta entidade do BIC "atenta contra os valores europeos, os dereitos humanos e a democracia". A ex-eurodeputada asegura que non existe ningún caso semellante en Europa no que unha institución "utilice un espazo para enaltecer os valores e figura do ditador” Franco, tal e como presume este colectivo. Para a política galega, este xeito de actuar é “antidemocrático e mesmo ilegal”.

"O franquismo segue vivo; a xestión das visitas en Meirás só é a punta do iceberg", di Ana Miranda

Miranda cre que, despois da morte de Franco e xa transcorridos  42 anos, “o franquismo segue vivo” e a decisión de que esta fundación fascista siga xestionando o Pazo de Meirás é “só a punta do iceberg”. "Non teremos unha verdadeira democracia ata que esta cuestión quede resolta con xustiza, verdade e reparación das vítimas”, engadiu. 

Ademais, Ana Pontón avanzou  a posta en marcha “dunha fronte democrática” para iniciar institucional e socialmente a denuncia dunha situación  “aberrante” que permite que o franquismo poida converter o BIC de Sada "nun parque temática do fascismo, coa conivencia do Goberno galego e do seu presidente Núñez Feijóo”.

Pontón acusa a Feijóo e a Xunta de "conivencia" coa familia do ditador

Pontón cualificou  o que acontece en Meirás de  “inconcibible, incompatible coa democracia e supón unha labazada ás vítimas do franquismo e as súas familias” e unha constatación da “conivencia do PP co franquismo no Estado español”. A portavoz nacionalista cre que a Xunta conta con instrumentos para evitar o que sucede no Pazo e lembrou que este martes reanúdanse as visitas, polo que "o Goberno galego debe estar atento e parar esta barbaridade". 

Por outra banda, Pontón avanzou tamén que no inicio do curso político o BNG presentará nos concellos e no Parlamento galego mocións destinadas a devolver o Pazo de Meirás ao pobo de Sada, así como  declarar “non grata” a Fundación Francisco Franco e a  familia do ditador e  iniciar o expediente para ilegalizar esta entidade por facer “apoloxía do fascismo”.

Ana Miranda lembrou tamén as diversas iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento galego e Deputación da Coruña, ás que sumou a denuncia ante o Executivo comunitario a a inclusión na Memoria Histórica activa en Europa dos "crimes da ditadura franquista”, que non están incluídos aínda. 

Ademais, no mes de novembro de 2017, coincidindo cos 42 anos da morte do ditador, o BNG ten previsto celebrar na Eurocámara un encontro con diversas organizacións, asociacións relacionadas coa recuperación da Memoria histórica de Galiza e do resto do Estado  así como expertos na ditadura franquista.

A pasada semana, a eurodeputada de AGEe, Lidia Senra, puña tamén en coñecemento da Comisión Europea a "apoloxía do xenocidio e a ditadura" que a Fundación Francisco Franco estaría a desenvolver no edificio. Era o segundo escrito que as autoridades comunitarias recibían ao respecto despois do formulado nun sentido semellante a principios de agosto pola propia Ana Miranda.

Ana Miranda e Ana Pontón CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.