Máis de 8.200 sinaturas no Parlamento para dignificar a materia de Filosofía

Entrega das sinaturas no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Máis de 8.200 sinaturas chegaron este mércores ao Parlamento para impulsar unha iniciativa lexislativa popular que defende o dereito dos alumnos a recibir clases de Filosofía, logo de que a última reforma educativa limitase a súa ensinanza. Unha delegación liderada pola ex-deputada do BNG Carme Adán (doutora en filosofía pola USC e catedrática de ensino secundario) e mais polo decano da Facultade de Filosofía da USC, José Miguel Sagüillo Fernández-Vega, entregaron as firmas no rexistro da Cámara galega. 

Profesores de Filosofía liderados polo decano da Facultade entregaron máis de 8.200 sinaturas no Parlamento

O texto presentado pola devandita delegación reclama que se recupere a materia de Historia da Filosofía en 2º de Bacharelato, ao igual que ocorre en boa parte das comunidades autónomas, e que se recoñeza a "eiva" que supón para o alumnado e a sociedade a supresión desta disciplina. O obxectivo é debater a iniciativa no vindeiro mes de outubro no Parlamento e os grupos de En Marea, PSdeG e BNG xa amosaron a súa disposición a darlle para diante á proposta. No entanto, os impulsores agardan que o PP tamén se una para acadar así o consenso. 

A iniciativa lexislativa popular que se pretende debater pide a recuperación da Historia da Filosofía en 2º de Bacharelato

A iniciativa desenvolvida durante os últimos meses continuará nas próximas semanas con outra en internet como as que xa se levaron a cabo. Desta vez, e a partir do vindeiro 16 de setembro tras o comezo do novo curso, animan a profesores desta materia e doutras a inundar as redes con sentenzas e frases de filósofos acompañadas do cancelo #FilosofiaSi. Será a campaña Chía pola Filosofía

A ex-deputada Carme Adán, nas súas declaracións, agradeceu todo o apoio amosado pola sociedade nos últimos meses e reivindicou o dereito dos alumnos e alumnas a dispor de materias na escola que lles permitan "pensar, reflexionar sobre o que acontece e coñecer a historia do pensamento". "Necesítanse eses espazos na educación", dixo, antes de que Fernández-Vega defendese o labor dos profesores de Filosofía para "inculcar moitos valores para facer unha sociedade mellor". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.