0 Gardados para despois

Villares e Pontón encabezan a representación política galega na Diada

Redacción | @prazapublica

Os portavoces de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón, encabezan este luns 11 de setembro a representación política galega na Diada de Catalunya. Unha presenza galega xa habitual no día nacional catalán pero que este ano se produce a menos de tres semanas do 1 de outubro no que a Generalitat quere celebrar o seu referendum pola independencia malia os sucesivos impedimentos que vén pondo o Goberno central.

Ademais dos portavoces de En Marea e BNG, tamén anunciaron a súa presenza este luns en Barcelona responsables de Anova, Cerna ou CIG

Desde En Marea infórmase de que Villares estará acompañado en Cataluña pola viceportavoz da organización Ana Seijas. Os dous participarán na manifestación convocada pola Asemblea Nacional Catalá (ANC) en Barcelona e nun acto dos Comúns catalás en Santa Coloma. En Marea reitera o seu apoio ao dereito a decidir da cidadanía catalá e salienta que “non pode haber ningunha lei moralmente lexítima que nun estado democrático impida unha consulta á xente”.

Ademais da representación de En Marea, partidos que a integran tamén terán representación en Barcelona. Por Anova asistirá o seu portavoz nacional e deputado Antón Sánchez, mentres que por Cerna estarán presentes os seus portavoces Paula Verao, tamén deputada, e Luís Eyré, que participarán na manifestación central e en actos organizados por Esquerra Republicana de Catalunya (ERC).

Polo BNG, ademais da presenza de Pontón nos actos deste luns, durante a fin de semana o seu responsábel de Relacións Internacionais, Rubén Cela, xa participou en actos de ERC e as CUP. Os nacionalistas salientan que coa súa presenza queren “expresar o seu apoio ao dereito dos pobos a decidir o seu futuro, a celebración do Referéndum o vindeiro 1 de Outubro e ao proceso de independencia de Catalunya”.

En Barcelona este luns tamén anunciou a súa presenza a CIG, a través do seu secretario xeral, Paulo Carril, e o responsábel de Internacional, Xosé Lois Rivera.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.