0 Gardados para despois

O PP impulsa unha lei para eliminar controis a iniciativas mineiras, eólicas ou forestais

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este martes o Parlamento galego iniciará o debate dunha proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que o Partido Popular presenta polo trámite de urxencia. A norma pretende simplificar os trámites administrativos de supervisión ambiental e patrimonial para diferentes proxectos empresariais, nomeadamente no ámbito da minaría, da instalación de xeradores eólicos e na explotación forestal do monte. Os populares xustifican a necesidade de reducir os mecanismos públicos de control nestas actividades (e tamén o procedemento de urxencia) en que "o proceso de recuperación da actividade económica que está a vivir o noso país debe ter continuidade" un obxectivo para o que as empresas deben contar con "incentivos" para a súa instalación "de xeito que ningunha traba administrativa poida obstaculizar o crecemento de Galicia".

Con todo, dende a oposición xa se alerta de que a norma suprimiría garantías medioambientais actualmente existentes, beneficiando unicamente as grandes corporacións empresariais. Antón Sánchez (En Marea) advirte de que o PP pretende "pola porta de atrás" e limitando o debate parlamentario e social "introducir cambios transcendentais en sectores coma o mineiro, o eólico e o forestal, actividades en Galiza producen e exportan materias primas baratas e deixan fortes impactos no país". 

Hai unhas semanas o viceportavoz parlamentario do PPdeG, Miguel Tellado incidiu na idea de que a lei contribuirá a “simplificar, flexibilizar e liberalizar sectores da economía galega” co obxectivo de “atraer a instalación de novas empresas en Galicia e blindar a competitividade da Comunidade fronte a outros territorios próximos”, en referencia sobre todo ao norte de Portugal. Porén, Sánchez lembra que "se activa a iniciativa empresarial pero non para as PEMES e os autónomos, se non para as grandes corporacións empresariais" e que "os únicos sectores que toca son os extractivos; non hai nada sobre a industria agroalimentaria, sobre o naval, o téxtil, o automóbil...". "Un modelo de negocio que deixa beneficios residuais para o país se temos en conta o deterioro e a destrución que produce nos nosos recursos naturais, e que crea pouco emprego e nunhas condicións precarizadas", engade.

"O texto é un TTIP de andar por casa. Lendo a proposta, vemos como as trabas administrativas son un eufemismo utilizado para non referirnos á protección ambiental e patrimonial", salienta o vicevoceiro de En Marea no Parlamento

"O texto é un TTIP de andar por casa", salienta o vicevoceiro de En Marea no Parlamento. "Lendo a proposta, vemos como as trabas administrativas son un eufemismo utilizado para non referirnos á protección ambiental e patrimonial, a aqueles elementos que melloran as condicións de vida da xente do común pero que, pola contra, molestan tanto aos negocios duns poucos: estamos a falar basicamente de lobbies mineiros, eólicos e forestais", di. 

 

Instalacións eólicas

Sánchez advirte especialmente dos efectos que a lei tería no ámbito eólico, xa que "pasamos dun sistema de concurso a un sistema completamente liberalizado que amplía as zonas de desenvolvemento eólico". Son medidas "que buscan beneficiar as empresas que ata o de agora viñeron facendo negocio co vento", engade. Deste xeito, serían declarados proxectos de especial interese os que se desenvolvan no marco de poxas para a asignación de réxime retributivo específico a instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de tecnoloxías renovables. Automaticamente sería considerada prioritaria a súa tramitación e os prazos para a súa autorización e para a tramitación ambiental serían reducidos á metade.

"É un escandaloso outorgamento de privilexios para as empresas eléctricas que sexan adxudicatarias do sistema de poxas que desenvolvan proxectos de parques eólicos, plantas de biomasa, de queima de residuos, ou de coxeneración"

Esta declaración, outorgada pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas suporía ademais a prevalencia deses proxectos sobre outra utilidade pública sexa o aproveitamento do monte, o sector turístico ou a preservación dos valores ambientais. “É un escandaloso outorgamento de privilexios para as empresas eléctricas que sexan adxudicatarias do sistema de poxas que desenvolvan proxectos de parques eólicos, plantas de biomasa, de queima de residuos, ou de coxeneración, que terán o camiño expedito para levalos a cabo de xeito rápido pasando por riba dos dereitos das persoas propietarias do terreo, e por riba do dereito deste país a integrar outros usos no seu territorio e a conservar os seus valores ambientais e paisaxísticos”, denuncia Sánchez.

 

Efectos na minaría ou na explotación forestal

"Esta proposición de lei pretende acelerar os procesos de explotación mineiros, o que agudizará os problemas tradicionais que a actividade provoca no noso país e sen solucionar ningunha das eivas. A filosofía é eliminar as trabas administrativas, que son a cuestión ambiental e de autorizacións de patrimonio", critica Sánchez.  No caso das explotacións mineiras, os informes de organismos sectoriais terán xa a consideración de autorización.

A norma crea figuras coma os citados proxectos de especial interese de produción de enerxía eléctrica ou os proxectos empresariais singulares, definidos de forma laxa e ambigua. Estes proxectos gozan de certas vantaxes que aceleran a súa tramitación, reducindo os prazos para a súa suprevisión por parte da administración e da sociedade.

"Esta proposición de lei pretende acelerar os procesos de explotación mineiros, o que agudizará os problemas tradicionais que a actividade provoca no noso país e sen solucionar ningunha das eivas", denuncia Sánchez

Por exemplo, á hora de facer unha corta forestal nunha zona na que hai un ben patrimonial catalogado, dende un castro a unha mámoa, esta lei eliminaría a hoxe obrigatoria autorización de Patrimonio e só esixiría un informe que, non caso de non chegar a tempo, implicará a autorización inmediata para a actuación solicitada. "Isto vai facer que se multipliquen os casos de estragos ao patrimonio, como por exemplo os que veñen denunciando colectivos como Mariña Patrimonio", comenta Sánchez. "Se os trámites administrativos para garantir a adecuada conservación do patrimonio, medio ambiente ou a paisaxe son demasiado lentos, a solución non pasa por eliminalos, senón por mellorar a eficiencia e incrementar os recursos e o persoal da administración en Patrimonio, na Consellería de Medio Ambiente ou Medio Rural", propón.

 

Pola porta de atrás

Losada (PSdeG) criticou que o goberno galego utilice estes “mecanismos espúreos” para “saltar todos os informes e controis en términos administrativos”

O momento e o procedemento escollidos para a presentación desta proposición de lei foron tamén moi criticados. Hai uns días o portavoz de Industria do PSdeG-PSOE no Parlamento, Abel Losada, censurou que o PP decidise presentar por vía de urxencia e a través do seu grupo unha proposición de lei que afecta a multitude de áreas modificando varias leis, "e que realmente foi elaborada pola Xunta coa participación de todas as consellerías”. Losada criticou que o goberno galego utilice estes “mecanismos espúreos” para “saltar todos os informes e controis en términos administrativos”, como os informes de control da legalidade, os informes de dotación económica e os informes da Xunta que si deben pasar as leis impulsadas desde o Consello da Xunta. Tamén CC.OO. criticou “a intención do Goberno de saltar os preceptivos controis e de reducir á mínima expresión á contestación que poida suscitar a súa iniciativa”. O sindicato sinala que a norma proposta “afecta a un gran número de áreas e a artigos de diversas leis, sen que en moitos casos se observe a relación coa suposta exposición de motivos, nin tampouco coa urxencia na tramitación”.

“É clarísimo que este texto está elaborado polo Goberno, pero pásallo ao grupo parlamentario, porque así o texto non ten que ser acompañado polos informes sectoriais e, ademais, a tramitación por vía de urxencia acurta os prazos á metade”, concorda Antón Sánchez, que lembra que a proposisión foi presentada "a finais de xullo, xusto antes de agosto, vai este martes a debate e despois xa comeza inmediatamente o período de emendas".

"O PP aposta por meter os cambios pola porta de atrás cunha PDL pola vía de urxencia co obxectivo de que pasen desapercibidos e non exista a oposición social que houbo noutros casos", alerta Sánchez

"En vez de permitir un debate por separado para a Lei 8/2009 de aproveitamento eólico, da Lei 3/2008 de minería, ou da Lei 7/2012 de Montes, cun alto grado de participación política e social, o PP aposta por meter os cambios pola porta de atrás cunha PDL pola vía de urxencia co obxectivo de que pasen desapercibidos e non exista a oposición social que houbo noutros casos", alerta. "Ten que comezar unha mobilización da sociedade galega", reclama Sánchez. "En 2013 eles tentaran aprobar o plan sectorial de actividades extractivas, pero atoparon unha gran reacción social e deixárono nun caixón, e o mesmo pasou coa Lei de Acuicultura. O poder vai aprendendo da experiencia", conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.