#FreeAbrahamIsaac: campaña para liberar as figuras do Pórtico da Gloria en mans dos Franco

El Gran Wyoming, facendo campaña pola devolución das esculturas © LaSexta

Entre o humor como arma e a seriedade do tema, o programa El Intermedio de La Sexta lanzou este mércores unha campaña para reclamar que a familia Franco devolva ao patrimonio público as esculturas do Pórtico da Gloria que ten na súa propiedade. Así, a canle difundiu con éxito nas redes sociais o cancelo #FreeAbrahamIsaac e instou a súa audiencia a subir fotos acompañadas deste lema e cun cartel no que se pode ver as dúas figuras encarceradas. Así o fixeron os seus presentadores. 

O programa 'El Intermedio' lanzou unha campaña para que os Franco devolvan as esculturas do Pórtico da Gloria

"El Intermedio non pode permanecer impasible, polo que esixe a liberación dos dous últimos presos do franquismo: Abraham e Isacc", asegura o condutor do programa, El Gran Wyoming, durante a edición deste mércores, na que a polémica pola posesión por parte dos Franco destas dúas figuras ocupou boa parte dado tempo.

"Con ladróns non se pode negociar", advertiu Martiño Noriega respecto dunha posible negociación coa familia do ditador

No devandito programa, foi entrevistado o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, que expuso a problemática e lembrou que desde o Concello, ademais de por diversas formacións políticas, lévanse a cabo xa iniciativas políticas "pedindo a recuperación". Preguntado sobre se cría posible chegar a un acordo coa famila Franco, o rexedor foi claro: "Con ladróns non se pode negociar". Ademais, Antonio Dieter Moure, mestre experto en románico e activista na súa defensa, aclarou que son pezas "dun gran valor artístico". 

Xa na pasada semana, BNG e o goberno municipal de Compostela engadiron á reclamación de recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público a devolución, tamén, por parte da familia do ditador, das dúas esculturas do Pórtico da Gloria

Esculturas de Abraham e Isacc, propiedade da familia Franco

As dúas esculturas que representan a Abraham e Isaac foron retiradas da Catedral durante as obras do século XVI e pasaron a mans do Conde de Ximonde sobre o século XVIII. Este vendeullas ao Concello de Santiago en 1948 por 60.000 pesetas, a través dun documento no que se sinalaba que as pezas non podían sair de Compostela, ou o Concello tería que pagarlle ao conde unha “multa” de 400.000 pesetas. Malia a iso, as dúas esculturas do Mestre Mateo pasaron a mans da familia Franco hai máis de medio século, se ben non existe ningún documento de cesión.

As esculturas forman parte hoxe da exposición sobre o Mestre Mateo que se pode ver no Pazo de Xelmírez despois de pasar polo Museo do Prado. Compostela Aberta entende que as dúas esculturas non poden volver á Casa Cornide, outra polémica propiedade da familia do ditador na Coruña, onde a familia Franco as ubicou despois de que pasaran un tempo no Pazo de Meirás. Todos estes inmobles e figuras artísticas non son as únicas propiedades dos herdeiros do ditador, senón a punta do iceberg do que é considerado un "macroespolio" polos expertos que estudan o tema.

El Gran Wyoming, facendo campaña pola devolución das esculturas © LaSexta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.