0 Gardados para despois

Militantes do BNG ocupan simbolicamente a Casa Cornide na Coruña, propiedade dos Franco

Redacción | @prazapublica

Como fixeran no Pazo de Meirás hai unhas semanas, un grupo de militantes do BNG entrou na mañá deste martes na Casa de Cornide na Coruña para levar a cabo outra ocupación "simbólica" e visibilizar, segundo aclaran, a "impunidade" e os "privilexios" dos que goza a familia Franco "en pleno 2017". 

Despregando unha pancarta desde o amplo balcón do histórico inmoble da Cidade Vella coruñesa, os militantes do BNG pediron "que nos devolvan o roubado". Sobre media ducia de militantes nacionalistas accederon á casa, mentres decenas deles acompañaban e apoiaban a acción desde o exterior. 

Militantes nacionalistas despregaron unha pancarta desde o balcón: "Que nos devolvan o roubado"

O secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, explicou que con este tipo de actos, a formación nacionalista busca "pór ao descuberto" e "visibilizar socialmente" a existencia de "privilexios e impunidade" co franquismo en Galicia. Así, igual que fixeran a finais de agosto, reclaman a volta "ao patrimonio público galego" das tres propiedades "espoliadas" á sociedade galega pola familia da ditador: o Pazo de Meirás, a Casa de Cornide e as figuras do Pórtico da Gloria. "Non é de recibo que a día de hoxe se sigan tolerando estes privilexios", engadiu.

O BNG quere visibilizar os "privilexios" e a "impunidade" dos que gozan os Franco en Galicia 

Xa desde fóra, Xosé Emilio Vicente Caneda, membro da executiva do BNG, denunciou que este edificio foi "espoliado" por un réxime "ilexítimo" grazas á "complicidade" de grupos económicos, lembrando que a Casa Cornide foi adxudicada nunha poxa ao empresario Pedro Barrié de la Maza que, con posterioridade, entregoulla á familia Franco. A concelleira do BNG no Concello da Coruña Avia Veira instou o goberno local a "investigar" toda a documentación existente respecto diso para buscar as vías que permitan recuperar este edificio para o patrimonio público, tal e como fixo -e conseguiu- o Concello de Santiago a respecto das esculturas do Mestre Mateo. 

A Casa Cornide foi adxudicada nunha poxa ao empresario Barrié de la Maza que, con posterioridade, entregoulla á familia Franco

A edil nacionalista reclamou tamén o cumprimento da moción aprobada no último pleno municipal na que se pediu tanto a devolución deste edificio como o do Pazo de Meirás. "Non queremos que quede no esquecemento", sentenciou. Ademais, reclamaron a ilegalización da Fundación Francisco Franco e advertiron de que non teñen "medo ás ameazas" desta entidade. "Imos continuar coas nosas accións", insistiu Xosé Emilio Vicente quen volveu a reclamar a ilegalización "de inmediato" desta entidade.

CC BY-SA BNG

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.