0 Gardados para despois

A Generalitat cifra en 2 millóns os votos pola independencia cunha participación do 42%

Catalunya PluralCatalunya Plural | @Catalunyaplural


O conseller portavoz da Generalitat, Jordi Turull, anunciou a pasada noite unha participación no referendo do 1 de outubro de 2.262.424 millóns de persoas, o 90% delas, uns dous millóns, a favor do 'si', se non temos en conta os votos nulos. O conseller destacou a participación sobre un censo de 5,3 millóns de persoas, das que 770.000, segundo os seus datos, non puido votar pola incautación de material electoral.

Puigdemont convoca unha reunión extraordinaria do seu goberno e o seu portavoz di que non houbo ningún contacto con executivo de Rajoy

Os datos presentados polo Govern contan, por tanto: 2.020.144 a favor da independencia, 176.565 en contra, 45.586 votos en branco e 20.129 nulos. Así, segundo o seu cómputo, a participación situouse no 42,7% da participación sobre o censo total e do 49,9% restando os votos que o Govern estima como incautados. Esta estimación, segundo explicou Turull, realizouse sumando todos os censos de todas as mesas pechadas polas forzas policiais. Por tanto, eses datos non inclúen as persoas que votaron noutros colexios e supón que a participación nesas mesas sería o 100% do censo electoral.

O dato de participación obtido polo 1-O quedaría uns 43.000 votos por baixo dos que conseguiu o proceso participativo do 9-N de 2014, cando votaron 2.305.806. En comparación con aquela data, con todo, os votantes independentistas aumentarían, xa que este domingo 2.020.144 persoas votaron favorablemente, mentres que, en 2014, 1.861.753 persoas optaron polo daquela 'Si-Si'. Hai que lembrar, tal e como explicou Turull, que no 9-N o censo era moito maior, xa que votaban persoas de ata 16 anos ou sen nacionalidade.

Se comparamos a porcentaxe de voto sobre o censo ao si no referendo do 1-O, os votos a JxSí e CUP o 27-S e o número de votos que optaron polo Si-Si no 9-N, vemos como a participación do voto independentista aumenta con cada cita. O si no referendum do 1-O, segundo os últimos datos do Govern, estaría dous puntos por riba dos resultados dos partidos independentistas (JxSí e CUP) nas autonómicas de 2015. Igualmente, o dato de participación do 1-O queda tamén algo por baixo das 2.594.167 que votaron no referendo do Estatut en 2006.

Puigdemont reúne o seu goberno

Este luns, ás 10.30 horas, Puigdemont presidirá unha reunión extraordinaria do seu goberno. A pasada noite, a preguntas dos xornalistas, Turull negou calquera contacto entre Puigdemont e Rajoy este domingo. "As únicas noticias que nos chegaron hoxe de Moncloa son os golpes de porra", sinalou.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.