0 Gardados para despois

O Sergas renova a privatización do mantemento tras certificar Contas que empeora o servizo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No ano 2013 o Servizo Galego de Saúde adxudicou á empresa Ibérica de Mantenimiento (Iberman S.A.) o mantemento dos equipos de electromedicina, isto é, toda a maquinaria que non é alta tecnoloxía. Por 25 millóns de euros esta compañía asumiu a responsabilidade sobre equipos como incubadoras, mesas cirúrxicas electrocardiógrafos ou equipos de radios X en practicamente todo o Sergas agás no hospital de Vigo, cuxa fórmula público-privada abrangue este servizo. A pasada primavera, catro anos despois, un duro informe do Consello de Contas certificaba que esa privatización empeorou o servizo e, ademais, apenas supuxo aforro. Así e todo, Sanidade vaina renovar, aínda que non cunha única contratación, senón con varias.

Como detallou este diario, os problemas coa privatización do mantemento chegaron escasos meses despois da súa adxudicación e saíron á luz a través de queixas do propio persoal da sanidade pública. Sucesivos incumprimentos, maquinaria mal arranxada e episodios como o "abandono" de dúas incubadoras nun corredodr do hospital de Lugo eran para sindicatos como a CIG-Saúde a mellor mostra de que esta privatización non trouxera consigo mellora ningunha, senón un "desmantelamento" dun servizo que "funcionaba perfectamente" á procura dun suposto aforro que non tivo en conta aos doentes.

Sanidade non fixo unha "análise fundamentada" sobre a "conveniencia" de "prescindir dos recursos propios para xestionar de forma directa o servizo"

Esas queixas do persoal foron certificadas, en esencia, polo Consello de Contas. O Sergas privatizou o mantemento sen facer antes unha "análise fundamentada" sobre a "conveniencia" de "prescindir de recursos propios adecuados para xestionar de forma directa o servizo". Aquel informe de Contas debullaba, ademais, un amplo catálogo de "deficiencias e incumprimentos" da empresa concesionaria, tantos que eran "motivo suficiente" como para rescindir o contrato "en todos os seus lotes" antes de que rematase. Pero a Xunta decidiu non facelo e chegar ao final do contrato.

Tras o fracaso do contrato único con Iberman cada área sanitaria realizará contratacións de seu con empresas privadas

Neste contexto, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuíña vén de responder unha pregunta parlamentaria formulada polo BNG para coñecer os seus plans neste eido e se, tras os problemas detectados, seguía a apostar pola privatización. O contrato de Ibérica de Mantenimiento, di Sanidade, foi adxudicado con "transparencia" e, ao seu remate a decisión foi, no canto de repetilo, trocealo para que "cada unha" das áreas sanitarias, as mesmas que agora a Xunta vai reformular, "realicen a licitación dos lotes correspondentes, en función do seu equipamento e das súas necesidades".

Esta nova privatización, di, realízase porque "actualmente non existe no cadro de persoal do Sergas unha categoría específica que teña atribuída esas funcións". Nesta liña, as direccións dalgunhas destas áreas sanitarias xa teñen en marcha procesos de contratación de mantemento dos seus equipos, caso dos ecógrafos da Coruña, de sistemas de anestesia en Santiago ou de todo o equipamento de electromedicina do Salnés.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.