Puigdemont clama por unha mediación e rexeita a mensaxe do rei

Puigdemont, durante a súa declaración institucional Dominio Público Generalitat de Catalunya

“Amosaremos a mellor cara deste país cando as institucións de Catalunya teñamos que aplicar o resultado do referendo”, limitouse a dicir o presidente da Generalitat sobre os seus próximos pasos

O presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, realizou na noite deste mércores, 24 horas despois da do rei, unha declaración institucional na que amosou a súa disposición a calquera tipo de mediación -"este momento esixe mediación", dixo- co Goberno central para desbloquear o conflito catalán a través do diálogo e rexeitou o contido da intervención do monarca. “O rei fixo súas as políticas de Rajoy”, dixo.

Puigdemont comezou apelando a todos os cataláns, aos que denominou “compatriotas” e cualificou como “un só pobo”, salientando que nos últimos días “persoas con bandeiras de Catalunya e de España” saíron ás rúas unidas no seu rexeitamento da violencia. Unha violencia que, segundo dixo, se produciu pola negativa do Estado a que Catalunya faga “o que outros pobos fixeron e farán no futuro”, seguir un camiño propio segundo o que decida a súa cidadanía. Nese punto, Puigdemont, que realizou a maioría da súa intervención en catalán, pasouse brevemente ao castelán para agradecer as “visións ponderadas” que chegan sobre o conflito catalán desde outros puntos do Estado. O catalán, dixo, é “un pobo que quere continuar contribuíndo ao desenvolvemento do Estado español”.

O presidente catalán pasou nese punto a criticar a mensaxe do rei “a unha parte da poboación”. “Non o podemos aceptar”, dixo, porque “ignora deliberadamente os millóns de cataláns que non pensan como el”, entre outras, engadiu, ás “vítimas da violencia policial”. Puigdemont lembrou que o do rei debe ser “un papel moderador que non tivo”. E apelando directamente ao monarca, en catalán pero asegurando que é unha lingua que o rei entende, díxolle: “Así non”.

"Non hai ningunha resposta positiva por parte do Estado ás diversas propostas de mediación que hai sobre a mesa", lamentou Puigdemont

Puigdemont deixou para o final da súa declaración o seu chamamento ao diálogo e á mediación. Pero o presidente salientou que “non hai ningunha resposta positiva por parte do Estado ás diversas propostas de mediación que hai sobre a mesa”. Puigdemont amosou a súa disposición a asumir esa mediación e, con respecto aos seus próximos pasos, eludiu referirse expresamente a unha posible declaración unilateral da independencia e optou por unha formulación ambigua: “Amosaremos a mellor cara deste país cando as institucións de Catalunya teñamos que aplicar o resultado do referendo”, rematou.

Puigdemont, durante a súa declaración institucional Dominio Público Generalitat de Catalunya

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.