0 Gardados para despois

Puigdemont non convoca eleccións ao non ter "garantías" de que o Estado free o 155

Catalunya PluralCatalunya Plural | @Catalunyaplural


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


Documentos relacionados

Non haberá comicios autonómicos e o camiño cara á declaración unilateral de independencia segue adiante. Noutra declaración institucional, finalmente ás 17 horas, Puigdemont asumiu que considerou "a posibilidade de convocalos". "O meu deber era esgotar todas as vías", dixo, para ir ás eleccións "sempre que se desen garantías" de que estas se desenvolverían "con normalidade" e non coa aplicación do artigo 155 activado sobre as institucións catalás. No entanto, dixo, non atopou "garantía ningunha" e acusou o PP de "aproveitar para meter presión", polo que deixou a resposta á aplicación do devandito artigo en mans do Parlament, que ten pleno ás 18 horas logo de ser atrasado. 

Puigdemont di que non atopou "garantía ningunha" de poder celebrar as eleccións "con normalidade"

Poucas horas antes, as eleccións anticipadas para o vindeiro 20 de decembro en Catalunya eran o escenario no que se traballaba, a medio camiño entre a confusión e a convulsión durante a mañá deste xoves. Tras longas negociacións con presións cruzadas e coa aplicación do artigo 155 en marcha, o president da Generalitat trasladou á súa contorna a intención de disolver o Parlament e convocar os comicios. A previsión inicial era que a convocatoria electoral fose anunciada nunha comparecencia solemne ante os medios que, finalmente, foi adiada. Pero recuou.

Finalmente, Puigdemont descartou as eleccións anticipados logo de non recibir "garantías" por parte do Estado de que os comicios se celebrarían "con normalidade". Así, pon rumbo cara á declaración unilateral de independencia, que podería votarse este mesmo venres na Cámara autonómica. "Corresponde ao Parlament decidir que se ten qeu facer para evitar os efectos do 155", dixo. 

O presidente da Generalitat deu a entender que o Goberno central aplicaría o 155 aínda que non se convocasen eleccións. Pero tamén aludiu a que non obtivo o "compromiso" do Executivo de Rajoy para "parar a represión", en referencia ao encarceramento dos líderes de Òmnium e a ANC e do despregamento policial en Catalunya. 

"Corresponde ao Parlament decidir que se ten qeu facer para evitar os efectos do 155", di Puigdemont

A razón do adiamento da comparecencia de Puigdemont, que ía falar ás 13.30 horas, segundo confirmaron fontes do Govern a Catalunya Plural, foi que Puigdemont estaba a negociar co Goberno de España que estas eleccións supuxesen a desactivación da intervención das institucións catalás ao abeiro do artigo 155 da Constitución. Se esa medida excepcional seguía adiante segundo o previsto, o president sería destituído no remate da semana. Ao non considerar esas garantías satisfeitas, o president decidiu rectificar na idea que tiña de convocar eleccións autonómicas. 

O lehendakari Urkullu tería xogado un papel clave na mediación que, finalmente, non deu froitos

Aínda que ao principio da semana Puigdemont trasladou aos seus a súa vontade de declarar a independencia e pór en marcha o proceso constituínte, na longa reunión mantida este mércores, de ata 7 horas, e na que mantivo pola mañá do xoves, a decisión virou cara ao contrario. E logo volveu virar. 

Protesta estudantil a prol da independencia, este xoves en Barcelona / Jordi Rovira

As presións para que o president evitase declarar a independencia foron constantes nos últimos días. Sectores económicos e mediáticos pronunciáronse abertamente contra a DUI,  así como tamén varios consellers do seu Govern e boa parte do seu partido, o PDeCAT. Ademais, foi o lehendakari, Íñigo Urkullu, quen xogou un papel clave, mediando entre o Executivo central e a Generalitat. para evitar tanto a aplicación do 155 como a declaración da independencia. Mesmo o PSC agradeceu ao presidente vasco a súa intermediación para evitar calquera das dúas decisións. Pero nada foi como se pensaba horas antes. Ambas seguen o seu camiño. 

Cara á DUI

Tan só uns minutos despois da declaración de Puigdemont, a vicepresidenta do Goberno central, Soraya Sáenz de Santamaría, sinalaba que "hai que rescatar Catalunya por moito que algúns teimen en deixala fóra da lei". Explicaba así a posición do Goberno na comisión do Senado para convalidar as medidas do 155 aprobada polo Executivo para intervir a autonomía, entre as críticas de Unidos Podemos, que considera que a forma de aplicar o devandito artigo "parécese moito ao acontecido o 6 e 7 de setembro no Parlament". Ademais, a maioría do PP impediu que Ferran Mascarell, representante do Govern na Cámara Alta, defendese as alegacións da Generalitat. 

Ao tempo, durante o debate na Cámara catalá para asentar a resposta ao 155, no que non interviu Puigdemont, Junts pel Sí e a CUP anunciaron que o venres "marcarase un novo rumbo" para Catalunya, apuntando a que este venres poderíase declarar a independencia. Arrimadas, de Ciudadanos, advertiua Puigdemont de que aínda "podía volver á legalidade", pero dubidaba que o fora facer. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.