0 Gardados para despois

A marcha de Puigdemont a Bélxica internacionaliza o conflito catalán nos tribunais

Gonzalo CortizoGonzalo Cortizo | @gonzalocortizo


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


 

 

Puigdemont buscaba conseguir internacionalizar o procés nos tribunais e no tempo de desconto, poucos días despois de ser destituído polo Goberno de Rajoy. A decisión de Puigdemont e cinco dos seus ex-consellers engade ao conflito catalán un convidado inesperado: a Xustiza belga.

É a estratexia que subxace tras a decisión de Puigdemont de trasladarse a Bruxelas o mesmo día en que a Fiscalía Xeral do Estado presentou a querela que o acusa de cometer delitos de rebelión, sedición e malversación de caudais públicos. O president destituído viaxou á capital comunitaria en pleno uso das súas liberdades, sen que pesase contra el ningún tipo de imputación formal ante os tribunais.

Minutos antes de coñecerse a presenza de Puigdemont en Bélxica, o fiscal xeral do Estado advertía de que Puigdemont sería chamado a declarar pola presunta comisión de graves delitos, a condición de que a Audiencia Nacional admita a trámite a súa querela e as súas peticións de interrogatorios, algo que parece máis que probable.

Na contorna do ex-president cobrara forza a convicción de que a imposición de medias cautelares como a prisión sen fianza se atopaba xa ao virar a esquina. Agora todo iso terá que cumprir un trámite de resultado incerto: superar o criterio favorable dun xuíz belga.

Bélxica non foi un país elixido ao chou polo sector independentista. Trátase dun dos países europeos máis garantistas na concesión de extradicións

Bélxica non foi un país elixido ao chou polo sector independentista. Trátase dun dos países europeos máis garantistas na concesión de extradicións e permite (do mesmo xeito que Reino Unido, Alemaña ou Holanda) que a defensa dos acusados poidan expor unha necesaria análise sobre os elementos indiciarios da comisión de delitos, así como unha serie de limitacións e esixencias en materia de garantías en caso de entrega.

A historia de tensións xudiciais entre ambos os países non é nova e son numerosas as ocasións nas que ese país negou extradicións de presuntos membros de ETA a España.

A Audiencia Nacional terá que ditar unha orde europea de detención se Puigdemont non atende ao interrogatorio, o que abriría un proceso en Bélxica para analizar se procede facelo

Puidemont fíxose cos servizos do avogado belga, Simon Bekaert. Segundo confirma a eldiario.es o propio Bekaert, o contacto para a defensa de Puigdemont xa se estableceu, á espera de que ambas as partes se poidan sentar á mesa para analizar a estratexia xurídica. Este avogado belga é experto en procesos de extradicións e defendeu en casos similares a persoas acusadas pola súa presunta pertenza a ETA.

Segundo fontes xurídicas, a Audiencia Nacional terá que ditar unha orde europea de detención se Puigdemont non atende ao interrogatorio que podería convocarse para os próximos días. O trámite non esixe que as autoridades belgas procedan inmediatamente á detención do político catalán, senón que se abrirá naquel país un proceso para analizar a conveniencia de atender o requirimento, en función das probas que achegue a Xustiza española.

Principio de dobre incriminación

A dificultade que agora terá que sortear a Xustiza española ten que ver cos principios fundamentais que rexen os tratados internacionais en materia de cooperación xudicial. Segundo estes acordos, as ordes de detención deben atender ao principio de dobre incriminación: que o feito polo que se persegue ao acusado estea tipificado como delito tanto na lexislación do Estado que require como na do Estado requirido.

Chegados a este punto, a lexislación belga cobra de súpeto unha importancia transcendental. Puigdemont, asesorado en todo momento antes de realizar este movemento, conseguiu internacionalizar o conflito catalán, polo menos no seu epílogo xudicial.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.