A Fiscalía mantén petición de cárcere para o ex-alcalde de Vigo Manuel Pérez tras o seu xuízo por abuso sexual

Manuel Pérez nunha entrega de premios con Manuel Fraga nos anos 90 Dominio Público Eixo Atlántico

O popular negou na vista a acusación de valerse do seu posto de inspector laboral para aproveitarse dunha muller que acudiu á súa oficina tras unha inspección na empresa na que traballaba ao tempo que cobraba o paro

O ex-alcalde popular vigués Manuel Pérez sentou este martes no banco dos acusados nun xuízo que quedou visto para sentenza no que a Fiscalía pide para el ano e medio de cárcere e sete de inhabilitación por supostamente valerse do seu cargo de inspector laboral para abusar sexualmente dunha muller que acudiu á súa oficina tras unha inspección na empresa na que traballaba ao tempo que cobraba o paro. Pérez negou as acusacións e defendeu a súa inocencia, mentres que a denunciante mantivo a súa versión dos feitos, avalada pola Fiscalía.

Pérez, inspector laboral de profesión, foi conselleiro de Traballo no primeiro goberno de Manuel Fraga á fronte da Xunta en 1990, alcalde de Vigo entre 1995 e 1999, senador nesa mesma época e deputado no Parlamento Europeo ata 2004. Posteriormente reincorporouse ao seu posto de inspector laboral, en cuxo despacho, na sede da Seguridade Social da rúa Cánovas del Castillo de Vigo, ocorreron os supostos feitos en abril de 2015. Segundo os relatou a fiscal do caso, Pérez realizou unha inspección laboral na empresa na que a denunciante traballaba sen estar dada de alta e ao tempo que cobraba a prestación por desemprego. Posteriormente, a muller acudiu ao despacho oficial de Pérez a supostamente levarlle documentación e tentar rebaixar a súa sanción, visita que segundo a versión de Pérez se produciu por iniciativa dela ou do empresario mentres que segundo a versión da fiscal e a denunciante foi por petición do acusado. Nese encontro, segundo o relato da acusación, Pérez pediulle favores sexuais e chegou a bicala e tocala.

A fiscal salientou como elemento incriminador de Pérez que “a consecuencia da denuncia interposta” por ela, o acusado abstívose de intervir no expediente “pero, de non facelo, o seu informe sería determinante” para sancionala

Por eses feitos, a fiscal considera a Pérez autor do delito contido no artigo 443.1 do Código Penal que pena ao “funcionario público que solicite sexualmente a unha persoa [...] que teña pretensións pendentes da resolución de aquel”, polo que pediu para el un ano e seis meses de cárcere e sete anos de inhabilitación. A fiscal salientou como elemento incriminador de Pérez que “a consecuencia da denuncia interposta” por ela, o acusado abstívose de intervir no expediente laboral “pero, de non facelo, o seu informe sería determinante” para sancionala.

Este martes, na vista oral celebrada na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, Pérez negou os feitos dos que é acusado e a súa defensa asegurou que foi a traballadora a que acudiu ao seu despacho para evitar que a sancionase. Pola contra, a fiscal avalou o relato dos feitos realizado pola denunciante.

Sede da inspección de traballo en Vigo na que ocorreron os feitos Dominio Público Google Street View

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.