Feijóo propón "galeguizar España" como "receita" contra a crise catalá

Feijóo e Rajoy, nun mitin da campaña das eleccións galegas CC-BY-SA PPdeG

"Galeguizar España". Esa é a "receita" que ofreceu este sábado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para afrontar a actual situación política e "superar as incertezas do Estado das autonomías" xurdidas co conflito catalán. Co gallo da entrega do preimo Ourensanía, o xefe do Executivo galego cargou contra o "lamentable espectáculo" e "irresponsabilidade" de dirixentes políticos que, segundo dixo, "pretenden volver ao século XIX" e fomentar as "regresións". 

Feijóo propón "galeguizar España" como "receita" para "superar as incertezas do Estado das autonomías"

Feijóo criticou os dirixentes políticos de Catalunya que, dixo, era até agora "símbolo de modernidade, emprendemento e integración" para estar inmersa a tal hora "no escurantismo, a fractura social e a fuxida de empresas". Ademais, censurou, en referencia a Carles Puigdemont e varios ex-consellers, aqueles que se "evaden" e "foxen", danando "a imaxe internacional" de España. 

“Sen falsas modestias, creo que se antes España miraba a Cataluña como modelo autonómico, agora ten que mirar a Galicia”, di

En contraste, Feijóo non dubidou en poñer de exemplo o país. “Sen falsas modestias, creo que se antes España miraba a Cataluña como modelo autonómico, agora ten que mirar a Galicia”, afirmou, tras presumir dunha "marca Galicia" totalmente "traballada" nos últimos anos e que cre que debería ser o "exemplo" no conxunto do Estado. 

O xefe do Executivo galego fixo estas declaracións no acto de entrega do premio Ourensanía ao ex-porteiro do Real Madrid, Miguel Ángel González, nunha gala celebrada no Teatro Principal de Ourense. 

Feijóo, a desfilar con Baltar e o ex-xogador do Real Madrid premiado pola Deputación de Ourense © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.