0 Gardados para despois

O PP rexeita por “covardes” as emendas da oposición para aumentar os Orzamentos da Xunta para 2018

Redacción | @prazapublica

A oposición critícalle ao Goberno galego o que considera un uso abusivo da lei de acompañamento e o conselleiro de Facenda anuncia un incremento da oferta pública de emprego para este ano e o próximo

A maioría absoluta do PP no Parlamento de Galicia rexeitou este luns tanto as emendas á totalidade como as emendas coas que os tres grupos da oposición tentaron incrementar o monto total dos Orzamentos da Xunta para 2018. O secretario xeral dos populares galegos chegou a cualificar de “covardes” as propostas da oposición.

En Marea, PSdeG e BNG presentaran varios centos de emendas coas que pretendían que a Xunta incrementase o ano próximo fundamentalmente o gasto social. Porén, tanto o responsable popular como o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, cualificaron de “irresponsables” as modificacións e rexeitáronas todas.

Os grupos da oposición salientaron que o incremento do gasto social podería chegar por varias vías como a redución de gastos en publicidade e propaganda ou o incremento dos impostos do patrimonio e das grandes rentas

Tellado acusou á oposición de “covardía” nas súas emendas por, ao seu xuízo, tentar agochar que eses recursos a maiores necesarios para incrementar o gasto terían que saír de maiores impostos á cidadanía. Porén, os grupos da oposición salientaron que o incremento do gasto social podería chegar por varias vías como a redución de gastos en publicidade e propaganda ou o incremento dos impostos do patrimonio e das grandes rentas.

Foi nun Pleno no que o conselleiro de Facenda anunciou que a oferta de emprego público amplíase este ano a 3.400 prazas fronte as 3.000 inicialmente previstas e avanzou que a do ano próximo ascenderá igualmente a outros 3.400 postos. Pola súa banda, a oposición criticou que a Xunta volva recorrer á denominada lei de acompañamento dos Orzamentos para modificar moitas outras leis previas aproveitando o menor debate desta tramitación.

Agora a tramitación das contas autonómicas proseguirá na comisión de Economía, onde se analizarán as emendas parciais antes da aprobación definitiva dos Orzamentos prevista para o 19 de decembro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.