O PP mantén a lei temporal que freou dereitos do funcionariado malia non cumprirse xa os seus requisitos

Condicionantes da Lei 1/2012 de medidas temporais en determinadas materias do emprego público CC-BY-SA Praza Pública

CSIF entrega á Xunta e os grupos parlamentarios un informe no que constata que o PIB e o aforro primario aumentaron desde a aprobación en 2012 da norma que condicionaba a esas variables diversas melloras para os traballadores públicos

“As medidas previstas nesta lei serán revisadas nun prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor, en función da evolución do produto interior bruto real de Galicia e do aforro primario dos orzamentos”. Esa é a última frase, xusto antes da sinatura do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que pecha a denominada Lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público aprobada a principios de 2012 para conxelar diversos beneficios dos funcionarios. Máis de cinco anos despois o sindicato CSIF critica que a norma segue en vigor malia que tanto o PIB como o aforro primario melloraron, e así veñen de constatalo nun informe entregado ao Goberno galego e os grupos parlamentarios no que piden que os Orzamentos autonómicos para 2018 permitan recuperar aqueles dereitos conxelados en 2012.

No seu informe, o CSIF indica que a Lei 1/2012 “naceu para aplicar medidas extraordinarias, urxentes e de carácter temporal e revisables aos dous anos, pero seis anos despois da súa posta en marcha permanece en vigor, afectando a temas tan sensibles como as prestacións por incapacidade laboral, días de descanso e o fondo de acción social”. “Estes dereitos perdidos foron gañados no seu día polos empregados públicos a cambio de aceptar unha conxelación salarial en épocas non de crise senón de bonanza económica”, lembran, e piden á Xunta que permita retomar aqueles dereitos.

“Estes dereitos perdidos foron gañados no seu día polos empregados públicos a cambio de aceptar unha conxelación salarial en épocas non de crise senón de bonanza"

O CSIF non só critica que o Goberno galego non realizase esa revisión da lei no “prazo de dous anos” que a propia norma prevía. Tamén analiza a evolución desde aquela das dúas variables que a norma esixía avaliar para a súa revisión. Por unha banda, o sindicato salienta que, fronte á caída do 2,8% e o 1,6% en 2012 e 2013 respectivamente, a media anual de crecemento do PIB no periodo 2014-2016 “achégase ao 2,4%”, chegando en 2016 ao 3,4% e manténdose a tendencia neste 2017.

Evolucion do PIB desde a aprobación da Lei 1/2012 [Imaxe: CSIF]

Canto á outra variable sinalada pola propia lei, a do saldo primario orzamentario, isto é, a diferenza entre o que ingresa e o que gasta a comunidade sen ter en conta o custo do pagamento da débeda, o CSIF constata igualmente a súa melloría. Unha melloría que segundo a súa análise esténdese tamén a outras variables complementarias como o aforro bruto ou a evolución da débeda

Evolucion do aforro da Xunta desde a aprobación da Lei 1/2012 [Imaxe: CSIF]

"Xa non concorren causas graves de interese público derivadas dunha alteración substancial das circunstancias económicas"

Amparándose neses datos, o CSIF reclama que nos Orzamentos de 2018 agora en tramitación no Parlamento de Galicia desaparezan as referencias ás medidas aprobadas pola Lei 1/2012 “xa que nestes intres xa non concorren causas graves de interese público derivadas dunha alteración substancial das circunstancias económicas”, como argumentara a Xunta no seu momento para ampararse na posibilidade de suspender dereitos que contempla o Estatuto Básico do Empregado Público. Por iso, o sindicato reclama a reposición do 100% do Fondo de Acción Social, a eliminación da suspensión de pactos, convenios ou acordos xa asinados, a reposición do 100% dos días de libre disposición ou rematar coa suspensión do complemento ás prestacións da seguridade social en situación de incapacidade laboral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.