0 Gardados para despois

Agrávase a liorta entre Xunta e Vigo pola calidade da auga na cidade

Redacción | @prazapublica

A Xunta e o Concello de Vigo embarcáronse nos últimos días nunha liorta pública sobre a calidade das augas na cidade olívica e a responsabilidade desta situación. Este xoves Alberto Núñez Feijoo cargou contra o rexedor, Abel Caballero, ao que acusou de "xogar coa saúde da xente" e de "facer política coa saúde", culpando o Concello da situación, que viría motivada, segundo Feijoo, pola suposta incapacidade da planta potabilizadora para cumprir co seu cometido unha vez que descendese o nivel das augas. O presidente da Xunta ameazou con "desaconsellar" o consumo das augas na cidade. 

"Feijóo fai política contra Vigo coa auga", di o goberno municipal vigués

O Concello de Vigo respondeu pouco despois, "garantindo" que "a auga de Vigo é potable ao 100%" e sinalando que "o problema en Vigo é de seca na présa de Eiras e, polo tanto, de auga en alta, responsabilidade da Xunta de Galicia". "No ano 2011, a Xunta a petición de Vigo, garantiu un transvase de emerxencia que nunca fixo. Agora ten que facer aquel transvasamento por urxencia, ante esta neglixencia, e vai ser Vigo quen pague o 80% do custo para dar auga a Redondela, Soutomaior, Moaña, Cangas, Nigrán, Mos, Gondomar, Porriño e Salceda", subliñou o goberno municipal vigués. "Ao señor Feijóo queremos dicirlle que cobra un canon de auga en Vigo de 5,5 millóns de euros. Onde están? O señor Feijoo ten un problema: ten as competencias de subministración de auga en alta aos concellos, e temos que facelo os propios concellos porque de Feijóo nin se sabe nin se lle espera. É o maior fracaso de xestión dun político", engadían fontes do Concello, que denunciaban que "Feijóo fai política contra Vigo coa auga".

O contrataque da Xunta chegou na mañá deste venres, a través dun informe da Consellería de Sanidade, que afirmaba ter detectado en Canido (Vigo) niveis de ferro por riba do recomendado

O contraataque da Xunta chegou na mañá deste venres, a través dun informe da Consellería de Sanidade, que afirmaba ter detectado en Canido (Vigo) niveis de ferro por riba do recomendado. Sanidade, que tamén atopara niveis por riba do aconsellado en Moaña, Redondela e Soutomaior, dicía estar "á espera" de que a concesionaria do servizo de abastecemento de augas na cidade, Aqualia, lle comunicase os resultados das súas propias medicións para decidir se restrinxía o seu uso para consumo humano e tamén para cociñar. O Delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, uniuse aos ataques do Goberno galego, culpando de novo ao Concello da situación e afirmando que a planta potabilizadora do Casal "está desfasada" e presenta "deficiencias estruturais".

"O problema en Vigo é de seca na présa de Eiras e, polo tanto, de auga en alta, responsabilidade da Xunta de Galicia", di o Concello

Antes do mediodía chegou a réplica do Concello, que recoñeceu que os niveis de ferro na auga no barrio de Canido estaban próximos ao límite, pero afirmou que "son causados por unha obra realizada na estrada". "Non se debe nin á seca nin á depuradora e é algo que coñece a Xunta de Galicia", engadía, reiterando que a auga "é potable ao 100%" en toda a urbe. "Feijóo sabe que este rexistro non ten relación coa potabilizadora senón co cambio dunha tubaxe pero é un vantaxista, tramposo e mentiroso", dicía a nota de prensa do Goberno municipal.

O Concello devolveulle unha vez máis a responsabilidade da situación ao Goberno galego, acusándoo de non ter realizado o transvasamento comprometido ou de non ter escoitado a petición para reducir o caudal ecolóxico hai dous meses, que permitiría que ter "un nivel de auga 10 puntos superior", segundo o Goberno vigués. "Por moito que o presidente da Xunta minta e envíe ao seu comisario político de rango menor, o señor López Chaves, seguirá sendo toda a súa responsabilidade non ter escoitado ao Concello. Unha vez máis, Feijóo intenta esconder a súa incapacidade política", engadía o Concello de Vigo.

Pero a pelexa non se detén. Neste sábado, a Consellería de Sanidade informou de que as últimas análises da auga nos municipios de Vigo, Moaña, Redondela e Soutomaior evidencian parámetros altos, pero non superan os límites aconsellados, polo queu non se adoptarán restricións do seu uso para beber e cociñar polo momento.

Sanidade asegura que a auga de Vigo, Moaña, Redondela e Soutomaior pódese consumir pero "é de moi baixa calidade"

A xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo, aclarou que a auga é potable pero "auga de moi baixa calidade" porque todos os parámetros nestes concellos están por baixo dos límites pero altos. Ao pouco tempo, o Concello de Vigo emitiu un comunicado informando que "as análises confirman queu toda a auga da cidade é poable ao 100% e que se teñen "mellorado os parámetros" desde o venres. 

"Facemos a Feijóo responsable do que está a suceder; fai política partidaria e en función dos seus intereses", di o Concello de Vigo

"Queremos sinalar que a responsabilidade desta situación é do señor Feijóo, que non atendeu a demanda viguesa dunha solución definitiva, proposta no ano 2011, cando tampouco atendeu a petición de realizar un transvasamento. Nin fixo caso cando Vigo reclamou en outubro deste ano unha solución de emerxencia, nin concedeu a redución do caudal ecolóxico", asegura o goberno local, que asegura que "a auga de Vigo, tan importante e necesaria, está no mar". 

"Ese é o logro do señor Feijóo e facémolo responsable do que está sucedendo. Denunciamos que está facendo política partidaria da máis baixa estofa con este tema, en función dos seus intereses persoais. A cidade de Vigo sabe ben quen é o responsable e que se chama Feijóo", remata o Concello. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.