0 Gardados para despois

Formoso liderará o PSdeG na Coruña e Pachi Vázquez cae na primeira volta en Ourense

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Valentín González Formoso salda cunha vitoria as súas primeiras eleccións internas no PSdeG alén das Pontes e Pachi Vázquez, cunha derrota o seu intento de regreso á primeira liña política. Despois dos procesos xa celebrados en Lugo e Pontevedra, a militancia socialista estivo convocada a votar este domingo para renovar liderados na Coruña e Ourense e facelo, por primeira vez, a través de primarias. O presidente da Deputación coruñesa, que partía como favorito, gañou a secretaría xeral con case o 70% dos votos e no proceso ourensán, o que fora líder do PSdeG ficou fóra das segunda volta.

Tras un inicio da carreira no que chegaron a concorrer ata sete candidaturas, nas urnas coruñesas confrontaron as opcións de González Formoso e a ex-concelleira compostelá Mercedes Rosón. Finalmente, o rexedor pontés obtivo 1.450 apoios, fronte aos 666 de Rosón, quen xa participara en 2014 noutras primarias, as celebradas en Santiago para determinar a candidatura á Alcaldía, gañada daquela por Francisco Reyes nun convulso clima interno.

Formoso chama a "traballar cara ás eleccións municipais" e ve a vitoria produto dun "partido de compañeiros e compañeiras", non de "baronías"

Tras coñecer a súa vitoria González Formoso amosouse satisfeito por un resultado que, ao seu xuízo, "avala unha forma de entender a política" e o faculta para "poñernos a traballar cara ás eleccións municipais", nas que a principal obriga será "captar a confianza da cidadanía, como durante décadas o fixo o PSdeG". O seu triunfo, asegura, non é produto dun esquema de "baronías", senón dun partido "de compañeiros e compañeiras", no que "todos pegamos carteis en cada proceso electoral e estamos ao lado da cidadanía". Rosón, pola súa banda, transmitiu os parabéns a González Formoso, a quen desexou "toda a sorte" nestes "tempos difíciles para o PSdeG". "Todos debemos estar apoiando", afirma.

O alcalde de Amoeiro foi o máis votado en Ourense e competirá na segunda volta coa deputada Noela Blanco, que quedou en segunda posición

No caso de Ourense o novo sistema de primarias socialistas provocou que o candidato máis votado aínda teña que concorrer a unha segunda votación por optaren ao posto máis de dúas persoas. Na primeira volta o máis apoiado dos tres aspirantes foi o alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino, quen captou 427 votos. A segunda posición foi para a deputada Noela Blanco, que con 336 sufraxios pasou tamén a barreira para a segunda volta. Os restantes 307 apoios foron para Pachi Vázquez, desaloxado da carreira electoral.

O recoñecemento a Vázquez, por quedar "excluído desta loita" malia "obter un moi bo resultado" formou parte das primeiras valoracións de Rodrígeuz Villarino, quen expresa a súa "confianza" en que "na segunda parte" do proceso -o vindeiro día 30- aínda exista "máis inexistente" a "ruptura" entre as preferencias da militancia na provincia e en Ourense cidade e "aglutinemos máis apoios" nunha candidatura con vocación "trasnversal". "Confiamos en confluír para formar un partido grande e forte", afirma.

Blanco, pola súa banda, asegura estar "moi satisfeita" co primeiro resultado dunha "nova etapa na que se trata de sumar" e evita especular sobre o candidato que poderá captar os votos que na primeira volta foron para Pachi Vázquez. "Na segunda volta van decidir os militantes" e "cadaquén é dono do seu voto". "O meu -afirma- é un pacto coa militancia, non con ningunha outra candidatura.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.