A Xunta elixiu a ex-conselleira Mosquera para a dirección dunha empresa pública antes de convocar esa praza

Feijóo e Mosquera, nunha imaxe de arquivo © Conchi Paz

O pasado venres a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria pública para a provisión do posto de director ou directora xerente da empresa pública Galaria, que xestiona a alta tecnoloxía na sanidade galega. Porén, quince días antes o propio presidente Feijóo xa avalara a capacidade da ex-conselleira de Sanidade Rocío Mosquera para asumir ese cargo. Agora os deputados socialistas Julio Torrado e Noelia Blanco veñen de presentar unha pregunta parlamentaria na que piden que a Xunta explique por que anunciou o nome de Mosquera como nova directora de Galaria cando nin sequera abrira aínda a convocatoria oficial para prover ese posto.

O propio Goberno galego modificou a lei para que tamén os cargos de confianza elixidos a dedo teñan que pasar por unha convocatoria pública, pero os socialistas critican que este caso evidencia que é un mero formalismo

O proceso para designar a Mosquera directora de Galaria volve pór en evidencia a discrecionalidade do Goberno galego para nomear a dedo os altos cargos das empresas públicas obviando os procedementos aos que el mesmo se obrigou. Esa discrecionalidade sempre se deu, tanto na Xunta como noutras administracións, en postos que son considerados de confianza, pero foi o Goberno de Feijóo o que modificou a lei para establecer un procedemento de selección. Un procedemento que admite que eses nomeamentos se realizarán “por libre designación”, pero que obriga a cumprir cunha serie de formalidades como que os posibles candidatos presenten as súas solicitudes e sexan avaliados. No caso actual de Galaria, o Goberno galego evidenciou quen vai ser a elixida antes mesmo de que esta formalizase a súa petición e mentres os outros posibles candidatos, que xa saben que non teñen ningunha oportunidade, poderían presentar a súa solicitude ata comezos de xaneiro.

“A día de hoxe está aberto o concurso para o posto, calquera persoa podería presentarse, pero atrévome a xogar un café co conselleiro a que adiviño para quen vai ser o cargo”, di Torrado

Na súa iniciativa parlamentaria os socialistas salientan que a finais de novembro Mosquera “foi presentada como nova responsable de Galaria, presentándose como tal a traballadores e profesionais relacionados con esta empresa pública”, nomeamento que “foi defendido en público polo conselleiro de Sanidae e polo presidente da Xunta”. Por iso, Torrado e Blanco preguntan ao Goberno galego como explica a convocatoria “cando foi anunciada previamente a persoa que vai ocupar esta posición”.

Este xoves, en rolda de prensa, Torrado cualificou de “chapuza intencionada” o “salto procedimental” para fixar a candidatura da nova xerente da empresa. O socialista advertiu que “a día de hoxe está aberto o concurso para o posto, calquera persoa podería presentarse, pero atrévome a xogar un café co conselleiro a que adiviño para quen vai ser o cargo”. Torrado tamén salientou que “se trata dunha convocatoria pública para a provisión dun posto, por moito que a continuación a forma elección se resolva por libre designación, unha vez que se presenten os candidatos”.

A chegada de Mosquera a Galaria prodúcese tras a saída da súa anterior directora, María Luisa Brandt, para asumir a xerencia do hospital concertado vigués de Povisa

A entrada de Mosquera, funcionaria de carreira, en Galaria prodúcese tras a saída da súa anterior directora, María Luisa Brandt, para asumir a xerencia do hospital concertado vigués de Povisa. Unha fichaxe que se produce sen ningún período intermedio de incompatibilidade. A traxectoria de Brandt, enxeñeira industrial especializada en organización, discorrera na súa maior parte en empresas de consultoría, cun breve paso por Caixanova, antes do seu nomeamento en 2009 á fronte da empresa pública Galaria. Agora, con oito anos de experiencia á fronte da máxima tecnoloxía sanitaria do Sergas, Brandt ficha por Povisa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.