A Xunta, incapaz de aclarar a súa defensa da candidatura inexistente para o laboratorio europeo que vai pechar

Rosa Quintana, respondendo ás preguntas da oposición sobre o laboratorio de bivalvos © Xunta

A Xunta defendeu durante practicamente un ano que Galicia optaba a ser sede do laboratorio de referencia da Unión Europea para o seguimento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos dos moluscos bivalvos, que actualmente funciona nunha instalación científica do Reino Unido e cuxas competencias terán que abandonar ese territorio tras a conclusión do Brexit. Fíxoo mentres o Goberno de España xa sabía que esta entidade ía ser suprimida por motivos orzamentarios. O propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, solemnizou as aspiracións galegas en novembro aínda que un mes antes o Executivo español xa apoiara formalmente o peche. Ademais, como revelou a Comisión Europea, a solicitude de que o laboratorio se situase en Galicia ou noutro punto do Estado español simplemente non existiu.

O episodio da candidatura inexistente para o laboratorio que vai deixar de existir chegou este mércores ao Parlamento. Toda a oposición presentou preguntas urxentes para que a conselleira do Mar, que tamén anunciara ante o propio lexislativo que o Goberno galego apostaba por traer o laboratorio, explicase o que o socialista Julio Torrado define como un "espectáculo vergoñento", un "esperpento", afirmou dende o BNG Noa Presas, que sería mesmo "chistoso" se non fose "tan grave" e "prexudicase seriamente" os intereses de Galicia, agregou dende En Marea a súa vicevoceira, Carmen Santos.

En Marea, PSdeG e BNG instan a conselleira do Mar a explicar se "foron incompetentes" ou "mentiron" no "esperpento" do laboratorio de bivalvos

"Ou foron incompetentes ou mentireiros; calquera das dúas é motivo para sentirse inhabilitada, pero antes explíquenos por que o fixo", retou Torrado, que como o resto da oposición procurou sen éxito aclaracións e desculpas do Goberno. "Non responden á boa fe e atacan sen saber", retrucou a conselleira, quen di non estar disposta a "consentir" que "se diga que se negana e se fale de mentiras". No canto de ficar co "feito positivo" de que parte das competencias deste laboratorio pasan a outro que xa funciona en Vigo -Feijóo obviou este feito cando anunciou a suposta candidatura-, reprocha Rosa Quintana, os grupos da esquerda quedan "coa forma" e "non co fondo".

Rosa Quintana nega que a Xunta mentise e insta a oposición a quedar co "feito positivo" de que parte das competencias que tiña o laboratorio van ser asumidas por outro que xa funciona en Vigo

"Dixen que Galicia era o mellor lugar para que se ubicase ese laboratorio e sígoo dicindo", defendeu Quintana, en cuxa opinión quen "ten que dar explicacións" non é a Xunta, senón o comisario "socialista" que dirixe esta área na Comisión Europea, di en referencia a Vytenis Andriukaitis, o mesmo comisario que confirmou por escrito que o Executivo comunitario "non recibiu ningunha notificación ou petición oficial de ningún Estado membro a respecto da reubicación" do laboratorio.

"Acaba de quedar retratada", retrucou Torrado. A disxuntiva entre "mentira" e "incompetencia", afirma, fica reflectida nas actas da Eurocámara e na documentación oficial que acredita que o peche estaba decidido cando a Xunta teimaba na candidatura nunca rexistrada. "Teñan un pouco de vergoña", reclamou Presas. "Están tan obsesionados coa propaganda", sinalou Santos dende En Marea, que "se lles esquece gobernar" e obvian que o relato do Goberno galego é "incompatible" co que realmente sucedeu en Bruxelas.

Pero, para Quintana, quen "mente e engana" non é a Xunta, senón a oposición. Mentres, afirma, ela xa "ten concertada unha cita" para, o vindeiro xaneiro, "pedir explicacións con ánimo construtivo" ás autoridades comunitarias. "Hai quen quere facer unha guerra política e ese non é o camiño", afirma a conselleira.

Santos (En Marea), Torrado (PSdeG) e Presas (BNG) Dominio Público Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.