O PP promete na Cidade da Cultura un aumento das bolsas condicionado a que a oposición apoie o orzamento de Rajoy

Cargos do PP asistentes á súa convención sobre educación na Cidade da Cultura Dominio Público PP

Na Cidade da Cultura, o complexo impulsado por Manuel Fraga no que a Xunta leva xa gastados máis de 300 millóns de euros só na súa inacabada construción, o PP celebrou este sábado unha convención sobre educación na que o presidente Feijóo se postulou para liderar un pacto estatal na materia. Fíxoo ao tempo que o ministro de Educación e portavoz do Goberno central, Íñigo Méndez de Vigo, prometía un aumento de 50 millóns de euros na partida destinada a bolsas pero facía responsable á oposición de que non poida concretarse se manteñen a súa negativa a apoiar os orzamentos do Estado que o PP non pode aprobar en solitario.

Feijóo trae a Galicia unha convención do seu partido sobre educación e postúlase para liderar un pacto de Estado

“Galicia está disposta a liderar o pacto educativo que España necesita”, asegurou Feijóo nun acto no que participaron varios líderes estatais do PP e que se produce en pleno debate sobre a sucesión de Mariano Rajoy durante o que o presidente galego está a manter unha axenda de proxección estatal. “Fixemos un sistema educativo como nos gustaría que fose Galicia: equitativa, plural e innovadora”, dixo Feijóo, ofrecendo para o conxunto de España ese modelo fronte a outro “que adoutrine, no que os colexios sirvan para inflar o ego de certos políticos, ou que se eduque no resentimento”.

O ministro de Educación propón “un MIR educativo de dous anos”

No acto, o ministro de Educación propuxo “un MIR educativo de dous anos”, un programa de formación práctica titorizada para os novos profesores co que “prestixiar” o seu traballo, segundo dixo. Finalizada esa fase, e sempre que se obtivese unha avaliación positiva, realizaríase a oposición. O titular de Educación recupera así unha proposta xa lanzada polo socialista Alfredo Pérez Rubalcaba en 2010, cando os populares o acusaran de atribuírse unha idea deles.

Igualmente, Méndez de Vigo anunciou que o Goberno prevé que os orzamentos do Estado pendentes de aprobarse para este ano aumenten a partida dedicada a bolsas “en 50 millóns de euros”, advertindo de que lanzaba ese anuncio “para que os que non queiran aprobar os orzamentos digan logo por que”, facendo así responsables aos partidos da oposición que rexeitan apoiar as contas do PP. Malia o chamamento a un pacto de Estado pola educación, a estratexia é similar á que os populares empregaron o pasado ano, tamén nesa mesma materia, para culpar á oposición da suposta imposibilidade de convocar as oposicións do profesorado se non se aprobaban os orzamentos estatais, algo que logo se confirmou que non era necesario.

Un día antes da convención, este venres o secretario de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades, Marcial Marín, elixiu un colexio de Ourense, a única cidade galega que goberna o PP, para, acompañado do seu alcalde, Jesús Vázquez, que foi conselleiro de Educación, eloxiar o sistema educativo galego.

Feijóo, na convención do PP sobre educación na Cidade da Cultura Dominio Público PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.