O persoal de Xustiza denuncia as "continuas inxerencias" do Consello da Avogacía na folga

Mobilización do persoal de Xustiza en Vigo © AX-CUT

O comité de folga do persoal da Administración da Xustiza critica as "continuas inxerencias" nese dereito a folga dos traballadores por parte do Consello da Avogacía e de colexios de avogados, "como o de Ourense". 

O comité de folga lembra ao Consello da Avogacía que "a decisión de facer ou non folga corresponde estritamente ao traballador"

Nunha nota de prensa, os representantes do funcionariado que leva máis de dous meses secundando un paro indefinido "lembra" as colectivos que "o dereito a folga, tal e como recolle a xurisprudencia constitucional, é un dereito de titularidade individual pero de exercicio colectivo". "A decisión de facer ou non folga corresponde estritamente ao traballador", din, en resposta ás propostas dos colectivos de avogados para intentar regularizar dagún xeito ou aminorar o paro indefinido e as súas consecuencias, tamén mediante a posibilidade de advertir antes da posible suspensión dalgún acto xurídico.  

Ademais, advirten de que o preaviso de folga realízase, no caso dos servizos públicos, "con dez días de antelación" e que é o traballador quen, "libremente, cada día decide" se a secunda ou non. "Isto pode ocasionar que un mesmo traballador un día realice folga e outro día non", explica o comité, que asegura que, xa que logo, "a pretensión, tanto do Consello da Avogacía como do Colexio de Avogados de Ourense é ilegal, posto que a presión para conseguir un preaviso individual de folga, que é o que pretenden, está prohibida". "No caso de ser requirida pola empresa, constituiría a vulneración dun dereito fundamental", insisten. 

Así, o comité de folga explica que "resulta imposible coñecer os xuízos que se suspenderán con antelación sen vulnerar o dereito á folga", en referencia á solicitude feita polo Consello da Avogacía. 

Ademais, e respecto do cumprimento dos servizos mínimos, o colectivo --onde están representados os sete sindicatos--, asegura que "están a ser escrupulosamente respectados" e que foron "impostos" pola Xunta, á que acusan de "negarse a negocialos coas organizacións sindicais". "Calquera responsabilidade derivada da falta de inclusión dun acto ou procedemento como servizo mínimo corresponde unicamente á Xunta.

Alén disto, o comité de folga insiste en solicitar o "cesamento de maneira fulminante" do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, "pola falta de responsabilidade, competencia e interese". 

O persoal de Xustiza en folga traslada as súas demandas a Madrid e entrega unha carta ao ministro Catalá a través de En Marea

Por outra banda, representantes deste comité de folga desprazáronse a Madrid, onde mantiveron xuntanzas con representantes dos diferentes grupos políticos e onde trasladaron as súas reivindicaracións ao ministro de Xustiza, Rafael Catalá, ao que escribiron unha carta. Na misiva, o persoal da Administración de Xustiza en Galicia advirte das súa reclamacións e pide unha "equiparación no complemento autonómico transitorio respecto aos iguais", entre outras solicitudes. Ademais, reclámanlle que "medie" para rematar co conflito. 

A carta foi entregada a Catalá no pleno do pola deputada de En Marea, Yolanda Díaz, cuxo partido foi quen convidou os representantes do comité de folga a trasladar as súas reivindicacións a Madrid. Ademais, en Galicia sucedéronse as mobilizacións en diferentes cidades ao cumprirse xa dous meses e catro días de folga indefinida. 

Carta do comité de folga para o ministro de Xustiza Dominio Público Praza Pública
A deputada Yolanda Díaz entrega a carta a Rafael Catalá © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.