Feijóo, disposto a recortar o Parlamento só cos votos do PP

Feijóo, coa conselleira de Facenda no Consello © Xoán Crespo

Adiante, a toda vela e sen compaña. Vinte anos despois de que Manuel Fraga incrementase do 3% ao 5% a barreira de votos para acceder á representación parlamentaria o presidente da Xunta amósase disposto a emular ao seu mentor e consumar unha reforma electoral sen máis apoios que o da súa propia maioría absoluta. Despois de que, en días pasados, o conselleiro da Presidencia e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, xa ratificase que a intención do seu partido é reducir os escanos do Parlamento de 75 a 61 antes das vindeiras eleccións, Alberto Núñez Feijóo confirma ademais que está disposto a pasar a tesoira polo lexislativo sen ningún consenso previo. Tentará pactar "cando menos, co PSOE", pero se non o logra apoiarase unicamente "na maioría popular".

Cos mesmos argumentos que os empregados, por exemplo, para boa parte dos recortes sociais aplicados ata agora Feijóo botou man tras a reunión do Consello do "momento excepcional, de enorme dificultade para as familias" que atravesa o país. Asumindo, implicitamente, o discurso xenérico de que sobran representantes públicos, o xefe do Goberno galego proclama que "os políticos temos que pronunciarnos e asumir custos" como tamén o fan "as familias e os traballadores". O Estatuto de Autonomía "está para ser interpretado en cada momento histórico" e "se hai un momento que esixe utilizar a banda máis curta" no número de deputados -a norma fundamental da autonomía establece unha marxe de entre 60 e 80- é este momento", di.

Feijóo evita valorar alternativas ao recorte de escanos como a redución dos salarios dos membros do Parlamento

Ante a previsible oposición de socialistas e nacionalistas, que nos últimos días veñen acusando os conservadores de tentar "amañar" as vindeiras eleccións mediante un "pucheirazo" con "actitudes golpistas", Feijóo asegura estar "sorprendido". A sorpresa presidencial vén dada por que "os señores do PSdeG e do BNG" estiveorn "en manifestacións nas que os cidadáns piden menos cargos políticos -en referencia ás protestas contra os recortes-". É por iso, di, polo que o PP quere que "na próxima lexislatura" só senten 61 homes e mulleres no Pazo do Hórreo, con independencia de que "cadaquén ten a súa propia opinión".

Pero, non hai alternativas? Non é posible aforrar reducindo soldos no canto de tocar a composición do Parlamento? Son algunhas das preguntas que lle foron lanzadas ao presidente dende os asentos da prensa e ante as cales Feijóo matiza o discurso da urxencia das reformas. Mentres que recortar parlamentarios debe ser unha decisión inmediata, considera que "reducir escanos e reducir soldos" non é "incompatible". En todo caso, "xa o veremos na próxima lexislatura, os que manden". "O futuro non está escrito -abonda- pero me sorprendería que os que queren reducir o soldo aos deputados non queiran reducir o número de deputados.

Así as cousas, nos próximos días o PP rexistrará formalmente na Cámara a súa proposta de redución nun contexto no que, como xa informou Praza Pública, un resultado idéntico ao de 2009 lle outorgaría dous deputados máis que nas anteriores eleccións, beneficio electoral cuxa existencia Feijóo rexeita. "O voto é igual para todos e as urnas están pechadas e, polo tanto, baleiras". "As urnas -evidencia- énchense no día en que se vote e todos partimos co mesmo resultado: cero, cero e cero". "Imos ver a quen beneficia e a quen prexudica", di; en todo caso, "as regras póñense antes de que comece o xogo e todo o mundo sabe cales son" nun contexto no que seguirá a manterse o mínimo de 10 deputados por circunscrición electoral -a provincia-, repartindo o resto en función da poboación.

Feijóo, coa conselleira de Facenda no Consello © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.