0 Gardados para despois

Baixar un 20% o soldo dos deputados aforraría o mesmo que reducir o Parlamento

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Neste momento excepcional, de enorme dificultade para as familias, os políticos temos que pronunciarnos, propoñer e asumir custos". O presidente da Xunta xustificaba deste xeito este xoves a súa intención de reducir de 75 a 61 o número de escanos do Parlamento de Galicia e de facelo antes das eleccións aínda que sexa co único apoio dos 38 votos do PP e cos 37 de PSdeG e BNG na contra. É o argumento da "austeridade" e da redución de custos o esgrimido para levar adiante unha iniciativa que para as forzas da oposición supón un "amaño" electoral, un "pucheirazo" ou, directamente, unha actitude "golpista". Nin o presidente nin ningún outro dirixente conservador enunciou ata o momento a tradución en cartos desta operación nin tampouco puxo sobre a mesa alternativas que derivasen nun aforro semellante sen tocar a composición do lexislativo galego. Malia todo, uns sinxelos cálculos permiten observar a posibilidade de chegar a ese mesmo destino de redución do gasto por vieiros distintos.

Ao final do ano, o montante destinado a salario reduciríase en, aproximadamente, 1,02 millóns de euros

Como vén informando Praza Pública na actualidade os datos dos salarios individualizados de cada membro do Parlamento de Galicia non son públicos, aínda que si o é o seu réxime económico xeral, así como os orzamentos da propia Cámara. Destes documentos tírase que o salario medio dun deputado ou deputada está, en números redondos, entre os 5.000 e os 6.000 euros mensuais, cifra que se eleva ata algo máis de 9.000 euros ao mes no caso da presidenta e algo menos de 8.000 para os dous vicepresidentes, o secretario e a vicesecretaria. Con estes números na man é doado concluír que pasar de 75 a 61 escanos traería consigo a eliminación de 14 salarios ou, o que é o mesmo, duns 85.000 euros ao mes, calculando á alza. Ao final do ano, o montante destinado a salarios reduciríase en, aproximadamente, 1,02 millóns de euros, cantidade que, por outra banda, é por exemplo moi semellante á que a Xunta se dispón a gastar nunha campaña publicitaria para transmitir "optimismo" ante a crise.

Que acontecería se, no canto de recortar esa cantidade coa eliminación de 14 postos na Cámara, se tenta facer repartindo o esforzo entre os seus actuais 75 membros? De novo aproximando un chisco á alza, cada parlamentario ou parlamentaria tería que asumir unha redución duns 14.000 euros ao ano, isto é, uns 1.140 ao mes. Así as cousas, a controvertida manobra presidencial, que sobre o papel procura a redución de gastos, poderíase evitar cunha rebaixa salarial que non chegaría ao 20% como media. Este impacto podería ser aínda menor se os membros da Mesa -órgano reitor da Cámara- asumisen unha maior porcentaxe de redución por percibiren soldos máis altos que o resto de representantes da soberanía popular.

Sen efecto electoral

Este camiño da redución salarial ten, polo tanto, o mesmo efecto que o do recorte no número de escanos sen que, obviamente, traia consigo a distorsión electoral que si provocará o plan dos conservadores. Non en van, nun Parlamento con 14 membros menos as circunscricións das provincias interiores, Lugo e Ourense, tradicionais celeiros de votos do PP, gañarían peso fronte á Coruña e Pontevedra, onde tradicionalmente as forzas situadas na esquerda contan cun maior apoio nas urnas. Isto sucede, ademais, porque o recorte de deputados non virá acompañado dunha rebaixa na barreira do 5% que as forzas políticas deben superar para lograr un só deputado, o que dificultaría aínda máis o panorama aos partidos minoritarios.

Mostra do efecto que a reforma tería na plasmación dos votos cidadáns no Parlamento é que, con idénticos resultados aos de 2009, os populares pasarían de ter unha axustada maioría absoluta por un só deputado a contar cunha vantaxe de tres parlamentarios sobre a suma de PSdeG e BNG. Ademais, esta redución suporía espremer case ao máximo o Estatuto de Autonomía, norma fundamental que fixa o número de escanos entre 60 e 80 e que nunca foi levada ao límite, xa que nas dúas primeiras lexislaturas se elixiron 71 deputados e, dende a terceira e ata a actualidade, elixíronse 75.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.