Feijóo desdeña propostas concretas da oposición en materia laboral, de másteres e forestal

Feijóo, durante a sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia Dominio Público @GrupoPopularGal

A noticia deste mércores no Parlamento de Galicia foi que non houbo noticia. Nin insultos nin desprezos mutuos, como viña sendo habitual non só nesta senón tamén nas últimas lexislaturas. Nunha das sesións de control ao Goberno galego na Cámara autonómica con menos agresividade entre os catro oradores que se lembra, este mércores o presidente Feijóo e os portavoces de En Marea, PSdeG e BNG limitáronse a intercambiar críticas mentres o primeiro desdeñaba as propostas concretas que lle lanzou a oposición en materia laboral, de másteres e forestal e non conseguía que esta lle recoñecese os logros do seu Goberno, como reclamou en varias ocasións.

Nunha das sesións de control ao Goberno galego no Parlamento con menos agresividade que se lembra, En Marea, PSdeG e BNG non lograron que o presidente valorase as súas peticións nin este que a oposición gabase a súa xestión

O portavoz de En Marea, Luís Villares, pediu a Feijóo que mellore a execución orzamentaria dos fondos que a Xunta destina a políticas activas de emprego, de xeito que os cartos que queden sen executar se reinvistan en contratar orientadores laborais, reciclar traballadores da construción en paro ou reducir as cotas que pagan os autónomos. O presidente limitouse a negar as cifras de execución orzamentaria citadas por Villares e ofrecer outras alternativas e máis favorables aos seus intereses ao tempo que xustificou que o aumento da sinistralidade laboral rexistrado en Galicia, reprochado polo portavoz de En Marea, débese ao incremento da propia actividade laboral.

Desde o PSdeG o seu portavoz, Xoaquín Fernández Leiceaga, pediu a Feijóo unha redución das taxas dos postgraos ou másteres universitarios e un aumento das becas. O socialista argumentou que é necesaria unha maior “democratización” deses postgraos e, citando a polémica polo xeito en que obtivo o seu máster a presidenta da Comunidad de Madrid, Cristina Cifuentes, salientou que “hoxe a diferenciación social non pasa polos estudos de grao senón polos de postgrao”. Feijóo replicou referíndose aos graos e reclamando ao socialista que lle recoñecera que as súas taxas en Galicia son as máis baixas do Estado e anunciando que tamén as baixará para os posgraos que son obrigatorios para exercer algunha profesión.

Pola súa banda a portavoz do BNG, Ana Pontón, propuxo ao Goberno galego que, ao igual que xa conta co Plan de Ordenación do Litoral, elabore un plan similar de ordenación do monte. A proposta foi obviada por Feijóo, que optou por gabar as medidas adoptadas polo seu Goberno en materia forestal, salientando principalmente as que, a un ano das eleccións municipais, permitirán aos concellos contratar parados para tarefas de limpeza dos montes.

En varios momentos da sesión de control foron evidentes os bocexos e estiramentos tanto entre os escanos do PP como da oposición

Que a próxima batalla será a das eleccións municipais evidenciouse, ademais no eloxio de Feijóo desas políticas dirixidas a ese ámbito, no único momento en que nesta sesión calquera dos catro oradores se afastou dos temas do debate. Foi cando o propio presidente, fronte ás críticas pola pouca execución orzamentaria do seu goberno, contraatacou poñendo o foco na mesma cuestión dos gobernos das mareas locais nas cidades. Fíxoo, segundo dixo Feijóo, para facerlle un favor a Villares dándolle argumentos para a súa suposta guerra interna con eses rexedores. Un ataque tan mínimo comparado con anteriores sesións de control que non impediu que ao tempo se producisen bocexos nas dúas bandas de bancadas da Cámara.

Villares, Leiceaga e Pontón, durante unha sesión de control Dominio Público Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.