0 Gardados para despois

Oriol Junqueras: "Non pomos condición ningunha para dialogar, nin tan sequera a nosa liberación"

Neus TomàsNeus Tomàs


Arturo PuenteArturo Puente | @apuente


Oriol  Junqueras (Barcelona, 1969) leva 197 días no cárcere de Estremera. Desde entón non parou de insistir en que o diálogo é imprescindible para resolver o conflito catalán. Desde eldiario.es fíxoselle chegar este cuestionario hai un mes, antes de que se coñecese que  Quim Torra sería o elixido para ser o novo presidente da Generalitat. Ao tratarse dunha entrevista por escrito non existen  repreguntas.

O líder de ERC e ex-vicepresidente do Govern defende que hai que falar co Executivo central sen condicións previas, nin tan sequera o traslado dos presos a cárceres cataláns. Junqueras evita polemizar con Carles Puigdemont, aínda que insiste en que el sempre asumiu as súas responsabilidades.

Vostede insiste en ofrecer diálogo ao Goberno de Mariano Rajoy. Como se pode concretar esta proposta?

Falando enténdese a xente, din. Estamos no cárcere e non poñemos como condición para dialogar ningunha premisa, nin tan sequera a nosa liberación, o traslado a cárceres cataláns ou o regreso dos exiliados. Diálogo sen condicións. É unha cuestión de vontade política. Nós témola, o Goberno español non parece tela. Sempre tivemos e teremos vontade de falar e dialogar.

"Diálogo sen condicións. Temos vontade de falar e dialogar, pero o Goberno español non parece tela"

Esta negociación é posible mentres vostede e outros dirixentes e activistas independentistas sigan na cadea?

Si. É posible.

Alguén do Goberno central contactou con vostede desde que está no cárcere?

Non.

Séntese un refén do Estado?

Síntome, como os meus compañeiros, un chibo expiatorio da intolerancia e dun Estado que actúa vengativamente. Non só sufrimos unha prisión incondicional, téñennos ben lonxe de casa, que é un castigo adicional para os nosos fillos e familia. Á marxe de atribuírnos uns delitos que nin remotamente cometemos, como xa deixou en evidencia media Europa.

"Non só sufrimos unha prisión incondicional, téñennos ben lonxe de casa, que é un castigo adicional para os nosos fillos e familia"

O xuíz Pablo Llarena fai política?

O que non parece, en ningún caso, é que respecte a presunción de inocencia. Non se pode ser xuíz e parte e pretender á vez xulgar con imparcialidade.

Hai meses que ERC pide que se forme xa goberno en Catalunya. De quen é culpa que aínda non o haxa?

Finalmente, hai Goberno. Era un paso necesario, aínda que só é un paso dos moitos que se han de dar.

"Llarena non respecta a presunción de inocencia; non se pode ser xuíz e parte e pretender á vez xulgar con imparcialidade"

Reclamou nalgunha ocasión que se forme goberno por riba dos intereses persoais e esta petición interpretouse como unha mensaxe directa a Carles  Puigdemont. É así?

Reclamo un Govern porque creo que nos fai máis fortes. Porque responde a un mandato electoral. Porque é obvio que é mellor para o conxunto dos cidadáns e a democracia que haxa un Govern xurdido das urnas que unha Generalitat literalmente ocupada polo PP. Non hai ningunha mensaxe contra ninguén e si unha mensaxe a favor de todos.

Como ex-vicepresidente e ex-conselleiro de Economía, pode asegurar que nin un euro público se destinou á celebración do 1-O?

Pódoo asegurar, si. De feito, tamén o admite publicamente o ministro de Facenda.

"Podo asegurar que non se destinou nin un euro público ao 1-O; tamén o admite publicamente o ministro de Facenda"

Da súa actuación nas últimas semanas no Govern quedaron moitos interrogantes que nos gustaría que nos aclarase por entender que pasou. Por que deixou só a  Puigdemont cando el quería convocar eleccións?

Non comparto o enunciado da pregunta. En todo caso, hai cuestións que agora non é o momento de abordar. Por simple prudencia, por respecto e porque forman parte dun sumario. Calquera cousa neste sentido que eu dixese podería ser utilizada na miña contra ou contra o resto de compañeiros encarcerados. A potestade de convocar eleccións é do president, agora e antes. A miña opinión persoal expreseina alí onde tocaba.

Por que despois de comprometer o seu respecto á decisión de  Puigdemont de convocar as eleccións, ERC anunciou que sairía do  Govern?

ERC fixo o seu debate interno. Era un momento difícil e en ningún caso ningún membro do Govern fixo ningunha manifestación neste sentido.

"Sempre asumín as miñas responsabilidades e mesmo máis que as miñas e todas as que ninguén quería asumir e me propuxeron"

Por que unha vez proclamada a nonnata república catalá non acudiu ao encontro no que participaron todos os conselleiros para decidir que estratexia ían seguir?

Sempre asumín as miñas responsabilidades. A miúdo, máis que as miñas responsabilidades. As de Vicepresidencia e as de Economía e de Facenda. E todas as que ninguén quería asumir e que me propuxeron. En todo caso, insisto: hai preguntas que non podo responder cun sumario aberto, por min e polos meus compañeiros.

Arrepentiuse dalgunha das decisións que tomou mentres estivo no Govern?

Fixemos un gran traballo e defendemos até as últimas consecuencias que os cidadáns tiñan dereito a votar e decidir o futuro político do país, sempre de forma pacífica e democrática. Sempre tentando chegar a acordos.

"Se o Goberno español ten unha proposta para Catalunya, que a someta a votación dos cidadáns"

Se algún actor internacional propón unha mediación coa condición de deixar fóra a independencia, o  Govern ten que aceptar?

O único límite é o respecto á democracia. Benvidas todas as apelacións ao diálogo e a mediación. Se o Goberno español ten unha proposta para Catalunya, que a someta a votación dos cidadáns. Somos demócratas e aceptaremos os resultados.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.