A dirección de En Marea chama a participar na consulta sobre Quinteiro, que o sector crítico rexeita

Asistentes ao plenario de En Marea, o pasado 17 de marzo CC-BY-SA En Marea

A persoas inscritas no censo interno de En Marea como partido instrumental están chamadas, dende este 22 de maio ás 10 da mañá, a elixiren entre as respostas "si" e "non" nunha votación cunha única pregunta: "Consideras que Paula Quinteiro debe dimitir do seu cargo de deputada no Parlamento galego polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular?". A dirección da formación ve nesta vía o xeito máis "positivo" de resolver sobre o conflito interno aberto a raíz do altercado coa Policía local de Santiago no que a parlamentaria se viu implicada o pasado marzo e chama a participar nun proceso no que o sector crítico co equipo do voceiro, Luís Villares, xa avanza que non participará.

A dirección da formación ve nesta vía o xeito máis "positivo" de resolver sobre o conflito interno aberto

A militancia de En Marea recibiu nos últimos días o "expediente informativo" sobre este contencioso coa "fundamentación política e estatutaria da consulta", a "explicación de principios e motivacións" no que o Consello das Mareas defende a súa convocatoria e mais un "escrito" da propia Quinteiro "argumentando a súa posición". "Sempre nos pareceu unha solución positiva preguntar ás bases", resaltou este luns Villares, quen ve nesta votación o xeito de "resolver" o "conflito" de maneira "definitiva".

O potavoz da formación cre tamén que é "boa solución" tamén que Pablo Iglesias e Irene Montero, secretario xeral e voceira parlamentaria de Podemos respectivamente, poñan o seu cargo a disposición dos inscritos do partido morado logo de coñecerse a compra dunha casa en Madrid, fórmula que ligou coa consulta que En Marea levará a cabo sobre o futuro de Paula Quinteiro. "Ben resolto está", dixo, porque, ao seu ver, "nunca está mal preguntarlles aos demais". "Viñemos gobernar para a xente e escoitar a xente, por que non neste caso?", engadiu, quen cre que é axeitado "consultar ao órgano que nunca se equivoca, que son as bases". 

Un manifesto impulsado por integrantes de diferentes mareas chama a non participar na consulta

Por outra banda, un colectivo próximo á deputada Quinteiro lanzou un manifesto no que chaman a non participar nesta consulta, que consideran "ilexítima" ao entender tamén que "non é un procedemento estatutario aplicable neste caso, carece de todas as garantías e só tensiona o espazo político común". O texto, co título Coidando unidade, foi impulsado por medio cento de integrantes de diferentes mareas locais e foi asinado xa por máis de 600 persoas, 

Para os asinantes, a consulta "deixa en suspenso os valores democráticos fundamentais do noso espazo político e vulnera os documentos organizativos e o Código Ético de En Marea". Non podemos caer na trampa e deixar que as elites e os medios dos de arriba nos marquen a axenda e o discurso, delimitando a barreira do que é ético. O PP e afíns queren facernos caer no seu xogo para atacar todos os ámbitos e institucións que non gobernan ou non controlan", din. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.