0 Gardados para despois

Sánchez presenta un Goberno "altamente cualificado" con maioría feminina

Redacción | @prazapublica

Pedro Sánchez completou o seu Goberno cos nomeamentos de Fernando Grande-Marlaska (Interior), Margarita Robles (Defensa) e Màxim Huerta (Cultura e Deporte). O novo Executivo terá 17 ministerios e unha composición innovadora, con maioría feminina (11), perfís na súa maioría de expertos pero tamén sorpresas e mesmo figuras contraditorias. Ademais, a portavoz do Goberno será a ministra de Educación, Isabel Celaá.

Sánchez presentou os membros do seu Consello de Ministros logo de terllos comunicado este mércores ao rei Felipe de Borbón nun despacho no Palacio da Zarzuela. O presidente socialista non fixo mención ao que durará o Executivo co que ten a "ambición" de "facer de España un país mellor".

"Un Goberno para unha sociedade paritaria, aberta ao mundo pero ancorada na UE, altamente cualificado", di Sánchez

Nunha comparecencia sen preguntas dos xornalistas, Sánchez agradeceu aos 17 membros do seu Executivo que aceptasen o seu ofrecemento e salientou que o fagan aparcando as súas "prestixiosas carreiras profesionais". "Quero agradecer publicamente ás personalidades aceptar o ofrecemento e servir aos españois e españolas nos próximos meses para servir ao país, á cidadanía e a quen necesitan amparo do público", dixo ao comezar a súa declaración.

"O novo Goberno de España é o mellor do reflexo da sociedade que aspira a ser", afirmou: "Un Goberno para unha sociedade paritaria, aberta ao mundo pero ancorada na UE, altamente cualificado".

Sánchez subliñou a presenza de mulleres no Consello de Ministros, que é substancialmente superior ao de homes. "Este novo Goberno está comprometido coa igualdade de maneira inequívoca", aseverou. Sánchez puxo a énfase en que será a "cúspide" do seu gabinete -a través da vicepresidenta Carmen Calvo- desde a que se piloten as políticas de igualdade. Para o presidente as mobilizacións do 8M marcaron un "antes e un despois" na igualdade. "O novo Goberno é un fiel reflexo dese movemento", afirmou tras lembrar que o peso das carteiras económicas están en mans de mulleres.

O presidente tamén argumentou por que ampliou de 13 a 17 os departamentos. "En primeiro lugar porque recupérase o Ministerio de Cultura que nunca debeu ser suprimido".  Tamén destacou a creación do Ministerio de Transición Ecolóxica a través do que Teresa Ribera se encargará das áreas de Medio Ambiente, Enerxía e Cambio Climático que, segundo sinalou Sánchez, son "desafíos" aos que non se prestou " a suficiente atención" por parte do PP.

O presidente do Goberno central resaltou a "vocación europeísta" do novo Goberno

Ademais, recalcou que a área de Educación "fai emerxer" o obxectivo da formación profesional e salientou que o Alto Comisionado para a loita contra a pobreza infantil, que dependerá directamente do presidente, buscará "extirpar" ese problema. Sánchez tamén resaltou a "vocación europeísta" do novo Goberno que, máis aló da relación dalgúns dos seus membros coas institucións comunitarias, inclúe por primeira vez no Ministerio de Exteriores e Cooperación a concreción de Unión Europea. Á fronte colocou a Josep Borrell.

"Os membros do Goberno son plenamente conscientes de que a política non é unha carreira persoal. E que a política é escoitar, dialogar e acordar. É un Goberno aberto, proposto polo PSOE, pero con ánimo de representar á sociedade española", asegurou respecto a un Goberno e uns ministros dos que velaquí vai cadanseu pequeno perfil. 

Pedro Duque 

O astronauta ocupará a carteira de Ciencia, Innovación e Universidades, e dá o salto á política tras un traballo contrastado para diferentes axencias espaciais. Ten 55 anos e é licenciado en Enxeñaría Aeronáutica pola Universidade Politécnica de Madrid. Desde aí pasou a traballar para a Axencia Espacial Europea. En 1992, foi seleccionado polo mesmo organismo nun dos concursos que buscaba mozos que puidesen ser astronautas.

En 1998 realizou a súa primeira viaxe ao espazo, onde pasou nove días entre outubro e novembro para supervisar un módulo da ESA no transbordador Discovery. En 2003, volveu á Estación Espacial Internacional. Gran Cruz ao Mérito Aeronáutico en 1999 e premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional, sempre mostrou o seu compromiso na loita contra as pseudociencias e os negacionistas da viaxe á Lúa de 1969. 

Pedro Duque sempre mostrou o seu compromiso na loita contra as pseudociencias e os negacionistas da viaxe á Lúa en 1969

Dolores Delgado

Experta en terrorismo xihadista, está moi vinculada ao ex-maxistrado Baltasar Garzón, con quen compartiu publicacións e traballou na unidade de apoio da Fiscalía Xeral do Estado. Como fiscal da Audiencia Nacional opúxose en 2013 á entrega a Suíza do informático francoitaliano Hervé Falciani. 

Delgado defende que para loitar contra o terrorismo xihadista é necesaria unha "estratexia integral" no ámbito xudicial e denunciou que na actualidade "non existe". Sánchez impulsou o pacto de Estado contra o terrorismo xihadista que asinou con Mariano Rajoy. Tamén foi moi crítica coa eliminación da xustiza universal que levou a cabo en solitario o PP co rolete da maioría absoluta no primeiro mandato de Rajoy. 

Isabel Celaá

A vasca era até o de agora presidenta da Comisión de Ética e Garantías do PSOE. Licenciada en Filosofía, Filoloxía Inglesa e Dereito, acumula unha dilatada traxectoria profesional na xestión da Administración e na política, sempre ligada ao terreo educativo.

Como presidenta da Comisión de Ética e Garantías do PSOE xogou un papel clave no Comité Federal de 2016 polo que posteriormente Pedro Sánchez acabou renunciando á acta de deputado no Congreso. Alí, Celaá formou parte do núcleo que apoiaba o actual presidente do Goberno. Profesora de profesión e nada en Bilbao no ano 1949, exerceu de conselleira de Educación, Universidades e Investigación no Goberno do PSE-EE, presidido por Patxi López, desde o ano 2009 ao 2012. Foi viceconselleira de Educación con Fernando Buesa (asasinado por ETA no ano 2000) cando en 1992 agromou o Pacto Escolar.

Magdalena Valerio

Esta dirixente socialista foi conselleira de varias carteiras nos gobernos de José María Barreda en Castilla-La Mancha, entre elas as de Traballo e Xustiza. Foi unha das dirixentes que apoiou a Sánchez nas primarias fronte a Susana Díaz.

Co triunfo do líder socialista, Valerio incorporouse á Executiva do PSOE como responsable de Seguridade Social e Pacto de Toledo. Nese posto traballou intensamente nos últimos meses formulando a proposta dos socialistas en materia de pensións nun momento de mobilizacións contra o Goberno de Mariano Rajoy. Malia ser unha das dirixentes máis afíns a Sánchez, quedou fóra do Congreso. Compatibilizou o seu labor no partido co seu traballo como funcionaria: secretaria provincial da Consellería de Fomento en Guadalajara. 

Teresa Ribera

A nova ministra de Enerxía, Cambio Climático e Medio Ambiente era unha figura constante nos últimos cumios sobre o clima, onde non dubidaba en dar as súas ideas sobre a necesidade de abandonar os combustibles fósiles e virar cara a unha economía descarbonizada.

Teresa Ribera non dubida en dar as súas ideas sobre a necesidade de abandonar os combustibles fósiles e virar cara a unha economía descarbonizada

A política (Madrid 1969) é licenciada en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, diplomada en Dereito Constitucional e Ciencia Política polo Centro de Estudos Constitucionais, ademais de pertencer ao Corpo Superior de Administradores Civís do Estado. Foi a directora da Oficina Española de Cambio Climático desde 2004 a 2008 e entre 2008 e 2011 asumiu a secretaría xeral do Cambio Climático no Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente en Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. Desa época arrastra unha polémica: a sinatura da Declaración de Impacto Ambiental positiva do almacén submarino de gas Castor. Os tribunais non chegaron a imputala. Actualmente era directora do Instituto de Desenvolvemento Sustentable e Relacións Internacionais, (IDDRI). En 2017 foi nomeada coordinadora do Consello Asesor para a Transición Ecolóxica da Economía do PSOE.

Luis Planas

O ex-conselleiro andaluz e ex-embaixador en Marrocos e ante a UE será o novo ministro de Agricultura. Licenciado en Dereito e Ciencias Económicas, ten 65 anos e desempeñou en dúas etapas o cargo de conselleiro de Agricultura da Junta de Andalucía. Primeiro entre 1993 e 1994 con Manuel Chaves, e despois con José Antonio Griñán entre 2012 e 2013. Con Chaves tamén foi conselleiro de Presidencia desde 1994 a 1996.

Postulouse como rival de Susana Díaz na loita polo liderado do PSOE andaluz, pero non logrou o mínimo de avais necesarios para forzar unha votación. Nado en Valencia, é inspector de Traballo e ata agora era secretario xeral do Comité Económico e Social Europeo. Tamén traballou na carreira diplomática, cando foi nomeado embaixador de España en Marrocos polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. Tras saír de Rabat, foi o representante español ante a Unión Europea ata 2011.

Eurodeputado durante varios anos, chegou a ser vicepresidente do grupo socialista do Parlamento Europeo. En 1996, foi nomeado director do gabinete do Vicepresidente da Comisión Europea.Foi deputado por Córdoba no Congreso entre 1982 e 1987. É membro fundador do Transatlantic Policy Network, unha entidade dedicada a impulsar a cooperación entre a UE e os Estados Unidos.

Nadia Calviño

A coruñesa Nadia Calviño, economista e avogada, será a nova ministra de Economía. Desde 2014 é directora xeral de Orzamento da Comisión Europea, un dos postos máis importantes que ocupa agora mesmo un español no executivo comunitario. O seu nomeamento foi recibido con satisfacción, entre outros, pola Comisión Europea e pola presidenta de Banco Santander, Ana Botín. Interpretouse como unha mensaxe de tranquilidade, rigor e estabilidade económica a Bruxelas.

A galega Calviño ocupaba un dos postos máis importantes que agora mesmo tiña un español no executivo comunitario

Calviño, que como os seus dous antecesores é funcionaria membro do Corpo Superior de Técnicos Comerciais e Economistas do Estado (os coñecidos como tecos), xa traballara no Ministerio de Economía de España. Entre 2004 e 2006 foi directora xeral de Defensa da Competencia, durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, nomeada por Pedro Solbes. Tamén exerceu como profesora na Universidade Complutense de Madrid.

Josep Borrell

O que fora titular de Obras Públicas con Felipe González e breve líder do PSOE no Congreso volveu á primeira liña política durante o enfrontamento de Sánchez con Susana Díaz para facerse co control do PSOE e converteuse nun dos principais valedores do novo presidente do Goberno. A crise independentista manteuno nun primeiro plano. O ex-ministro participou nas mobilizacións de Sociedade Civil Catalana cun discurso moi aplaudido nas filas do PSOE. 

Reyes Maroto

Deputada do PSOE na Asemblea de Madrid, será a nova ministra de Industria, Comercio e Turismo. É a actual secretaria de Desenvolvemento Sustentable do PSOE madrileño e portavoz de Orzamentos, Economía, Emprego e Facenda na Cámara rexional. Licenciada en Economía pola Universidade de Valladolid, é Máster en Economía e Finanzas polo Centro de Estudos Monetarios e Financeiros (CEMFI).

Foi portavoz do PSOE na Comisión de Orzamentos, Economía, Emprego e Facenda do Concello de Madrid, profesora asociada do Departamento de Economía da Universidade Carlos III de Madrid e responsable entre 2005 e 2010 da área de Economía Aplicada e Territorial de Analistas Financeiros Internacionais, a firma de análise que preside o economista Emilio Ontiveros.

José Luis Ábalos

O novo ministro de Fomento, mestre de formación e pai de cinco fillos, é un político profesional desde os anos noventa e foi concelleiro, deputado provincial e deputado no Congreso, así como vicesecretario xeral dos socialistas valencianos (2000-2004) e secretario xeral da provincia de Valencia (2012-2017). 

Nas primarias que, contra prognóstico e contra a vella garda do PSOE e o seu aparello, devolveron a Sánchez en 2017 á secretaría xeral tras derrotar a Susana Díaz, Ábalos foi case o único apoio orgánico de certa relevancia co que contou o dirixente, xa que a provincia de Valencia é a segunda, detrás de Sevilla, en número de militantes. Ese episodio colocouno como secretario de Organización e home de confianza do actual presidente do Goberno central. 

Carmen Montón

A consellera valenciana que fixo efectiva a recuperación do hospital de Alzira para o sector público será a nova ministra de Economía. Ese hospital é o paradigma da privatización do PP: Eduardo Zaplana --hoxe encarcerado-- privatizou o centro que máis tarde tivo que ser rescatado. 

A 'consellera' valenciana fixo efectiva a recuperación do hospital de Alzira para o sector público

Montón formou parte da Executiva de Sánchez durante o seu primeiro mandato á fronte do PSOE como responsable de Igualdade. Mantívose fiel a Sánchez cando 17 membros desa dirección dimitiron para forzar a súa saída do liderado. Nada en Burjassot (Valencia) en 1976 e licenciada en Medicina,  ten unha traxectoria no PSOE que arrinca desde as Juventudes Socialistas e chega a un posto no goberno, tras un itinerario no que destaca o seu compromiso cos temas de igualdade. Feminista comprometida, foi deputada no Congreso, onde foi relatora da lei do aborto na época de José Luis Rodríguez Zapatero como presidente. así como da lei do matrimonio homosexual.

Fernando Grande-Marlaska

O maxistrado, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial desde 2013 a proposta do PP polo Senado e presidente da Sala do Penal da Audiencia Nacional, é o novo ministro de Interior de Sánchez. Nado en Bilbao, deuse a coñecer a nivel estatal logo de substituír a Baltasar Garzón na Audiencia Nacional. Destacou pola instrución de distintas causas contra a banda terrorista ETA e foi o xuíz do caso do accidente do Yak-42 en Turquía.

Nado en 1962, ingresou na carreira xudicial en 1987. Considerado un dos xuíces estrela da xudicatura española, entre outras causas procesou a Arnaldo Otegi e instruíu o caso Faisán. 

Carmen Calvo

Viceprsidenta única e ministra de Igualdade, Calvo foi ministra de Cultura no primeiro Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero (2004-2007) e actualmente era a secretaria Federal de Igualdade no PSOE, así como unha das persoas máis próximas a Pedro Sánchez. Nada en Cabra (Córdoba) en 1957, é doutora en Dereito Constitucional e unha destacada defensora do feminismo. A xurista levou ademais o peso dentro do PSOE das negociacións ao redor da aplicación do 155 en Catalunya.

Meritxell Batet

Batet foi unha das persoas de máxima confianza de Sánchez na súa primeira etapa á fronte do PSOE. Preséntase a si mesma como un exemplo da socialdemocracia española: pagou a carreira de dereito na Universitat Pompeu Fabra (UPF) cunha bolsa do Goberno de Felipe González e traballando de camareira polas noites. Despois de completar os seus estudos universitarios, colaborou co daquela líder do PSC Narcís Serra como independente. Non se afiliou ao PSC ata 2004, tras concorrer e gañar por primeira vez un escano no Congreso, onde transcorreu a maior parte da súa carreira política: revalidou o seu escano en 2008, 2011, 2015 e 2016.

María Jesús Montero

Médica de profesión e ata o momento conselleira de Facenda e Administración Pública con Susana Díaz na Junta de Andalucía. Ten 52 anos e dúas fillas. Militou na súa mocidade no Partido Comunista e entrou como independente no Goberno andaluz en 2002, como viceconselleira de Saúde de Francisco Vallejo, despois de ser directora médica do Hospital Virgen del Rocío de Sevilla.

É, con moito, a persoa máis experimentada e veterana do Executivo, 16 anos no Consello de Goberno: foi conselleira de Saúde e de Benestar Social no gabinete de Manuel Chaves, cambiou á carteira de Facenda e Administración Pública da man do ex-presidente andaluz José Antonio Griñán, e mantivo o cargo baixo o mandato de Díaz.

Margarita Robles

Robles será ministra de Defensa, onde terá o control do CNI. A ex-xuíza foi a persoa en quen Sánchez confiou para defender a portavocía do PSOE no Congreso tras a vitoria nas primarias. Xa foi secretaria de Estado de Interior e Xustiza durante os gobernos de Felipe González. Desde 2004 ata o seu regreso á política en 2016, foi maxistrada no Tribunal Supremo.

Robles terá o control do CNI, que volve a Defensa, de onde o sacara Soraya Sáenz de Santamaría

Terá o control do CNI, que volve ao lugar de onde o sacou Soraya Sáenz de Santamaría nun xesto que asentou a súa imaxe de poder á fronte da vicepresidencia.

Màxim Huerta

O xornalista Màxim Huerta será o novo ministro de Cultura e Deporte. O seu nome fíxose esperar. Foi o último en coñecerse da lista de 17 ministerios que comporán o novo Executivo Socialista, o que desatou todo tipo de quinielas durante a xornada sobre quen collería finalmente esta carteira.

Màxim Huerta  (Valencia, 1971) é ademais escritor e foi presentador de televisión. Comezou a súa carreira profesional na televisión valenciana, a antiga Canal 9, onde foi presentador do informativo Metropolità e o Informatiu de Última hora. En 2000 deu o salto a Telecinco para presentar os informativos. En 2005 aterrou como copresentador do programa de Ana Rosa.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.