Os membros de 'La Manada' xa son "persoas non gratas" en Lugo

Manifestación feminista na Coruña contra as agresións sexuais CC-BY-SA Praza Pública

José Ángel Prenda Martínez, Ángel Boza Florido, Antonio Manuel Guerrero Escudero, Alfonso Jesús Cabezuelo e Jesús Escudero Domínguez xa son formalmente "persoas non gratas dentro do termo municipal de Lugo". Os seis grupos que conforman a corporación do Concello lucense acordaron este xoves a declaración institucional na que queren manifestar a unanimidade na súa "repulsa e rexeitamento social" á "conduta" dos cinco homes que atacaron sexualmente unha moza nas festas de San Fermín de Pamplona no 2016.

Na xornada en que transcendeu que un dos membros de 'La Manada' -Guerrero, garda civil de profesion- tentou renovar o seu pasaporte tres días despois de saír en liberdade provisional malia ter prohibido abandonar o territorio estatal, o consistorio lucense pretende lanzar unha mensaxe de "carácter educativo e pedagóxico; que estamos en contra da falta de igualdade e dos abusos da violencia de xénero", sinala a alcaldesa, Lara Méndez. Esta declaración, agrega a rexedora, quere facer ver que "este tipo de actitudes" non son "illadas", senón que se trata dun problema social que cómpre atallar.

Segundo o documento secundado por PSdeG, PP, Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE, a posta en liberdade provisional dos membros de 'La Manada' supuxo "un duro golpe para as mulleres vítimas de violacións ou abusos sexuais" e "rexerou rexeitamento e alarma social que levou a mobilizarse nas rúas a milleiros de persoas en múltiples municipios". Para o Concello de Lugo, as institucións públicas "deben tomar iniciativas encamiñadas a educar e prever todo tipo de violencia machista, pero tamén visibilizar feitos que son un clamor social" coma este, que "amosou que a sociedade está camiñando por diante das institucións, da lexislación e da propia xustiza".

A declaración prodúcese na xornada en que transcendeu en que un dos condenados, garda civil de profesión, tentou renovar o seu pasaporte tres días despois de saír en liberdade provisional malia ter prohibido abandonar o territorio estatal

O Concello de Lugo, agrega a declaración, amósase "sensible ante a dor" desta e "doutra vítimas de feitos que denigran as liberdades das mulleres". Por iso emite este pronunciamento político e "insta" a Federación Galega de Municipios e Provincias a trasladar aos municipios aos que representa a que "se pronuncie neste sentido". "As mulleres e homes dos concellos galegos non aceptaamos a individuos que son capaces de intimidar, roubar e violar mulleres; polo tanto, non son benvidos".

Esta declaración institucional chega despois de que o Concello de Pontevedra se dirixise á FEGAMP para reclamar esta declaración como "persoas non gratas" para os membros de 'La Manada' no conxunto de municipios do país. Neste sentido, o BNG de Lugo propuxo nos últimos días que a corporación lucense se pronunciase no sentido aprobado este xoves, algo que o Bloque tamén fará noutros municipios, caso de Oleiros este propio xoves.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no inicio dun pleno Dominio Público Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.