0 Gardados para despois

A xuíza desestima a demanda sobre 'Fariña' e condena a pagar as custas ao ex-alcalde do Grove

José PrecedoJosé Precedo | @joseprecedo


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


O xulgado de primeira instancia de Collado Villalba (Madrid) vén de ditar sentenza sobre a demanda que interpuxera o ex-alcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar contra a editorial Libros del K.O. e o autor de Fariña, Nacho Carretero, alegando que contiña "inxurias e calumnias" por aparecer como un "narcotraficante". Ademais, a sentenza condena a Bea Gondar a pagar as custas xeradas polo procedemento xudicial.

A maxistrada sentenza que o libro de Carretero “está baseado en feitos probados descritos en sentenzas firmes” e que non existe “ningunha vulneración ao dereito ao honor”

A xuíza Mercedes Galindo fundamenta a súa sentenza en varios puntos. Nun deles alude á xurisprudencia na que se aborda en que casos prevalece o dereito á información, e subliña que para iso "a información transmitida sexa veraz, que estea referida a asuntos públicos que son de interese xeral polas materias que se tratan, e igualmente polas persoas que se ven afectadas". Lembra que Bea Gondar denunciou a Nacho Carretero porque se aludía á súa persoa dúas veces no libro, lembrando a súa relación co narcotráfico. Malia que hai unha sentenza que absolveu o ex-alcalde do Grove destes delitos, a xuíz contrasta que as mencións á súa persoa no libro baséanse en "feitos probados" de sentenzas e a investigación do autor.

A maxistrada conclúe que non existe "ningunha vulneración ao dereito á honra" e que a liberdade de expresión vese amparada porque "en primeiro lugar a información transmitida é veraz, está referida a asuntos públicos que son de interese xeral polas materias que se trata". Sobre a veracidade, fai fincapé en que "está baseado en feitos probados descritos en sentenzas firmes" polo que Carretero "actuou como un profesional dilixente, pola súa banda levouse a cabo unha labor de estudo de diversas fontes e contrastouse a información". Si que reprocha a xuíza que o autor debera recoller no texto que o ex-alcalde foi absolto destes delitos polos que foi procesado.

Volta ás librerías

Hai unhas semanas a Audiencia Provincial de Madrid xa decidira revocar o secuestro cautelar do libro imposto por outra xuíza a petición tamén de Bea Gondar

Hai unhas semanas, a Audiencia Provincial de Madrid estimou o recurso interposto pola defensa de Carretero e a editorial Libros del K.O. contra a decisión doutra xuíza do xulgado número 7 de Collado Villalba que ordenara o secuestro cautelar do libro en España tras a denuncia do ex-alcalde. A decisión implicaba que o libro puidese volverse a vender en toda España máis de catro meses despois de que o pasado 12 de febreiro a Xustiza obrigase a retiralo das librerías.

No seu auto, a Audiencia Provincial consideraba "significativo" que a decisión de secuestrar o libro producírase por dúas únicas mencións ao demandante e que ambas resultan "relevantes" aos fins pretendidos pola obra e ofrecen unha "narración fidedigna e obxectiva" dos feitos ocorridos.

Bea Gondar reclamaba tamén medio millón de euros ao xornalista e a editorial

Bea Gondar reclamou o secuestro cautelar do libro e medio millón de euros ao xornalista e a editorial por publicar nas primeiras edicións do libro que o político galego fora procesado por narcotráfico sen engadir que a condena inicial na Audiencia Nacional foi anulada posteriormente polo Tribunal Supremo tras invalidar o testemuño dun arrepentido. Bea Gondar si foi condenado por lavar diñeiro das mafias colombianas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.