Anulado 58 anos despois o encoro co que Franco ía asolagar o Courel

Canón do río Lor, no Courel, no que se emprazaría o encoro agora anulado Dominio Público Google Street View

O Ministerio para a Transición Ecolóxica declara extinguido o dereito de Iberdrola a construír unha central hidroeléctrica no agora protexido canón do río Lor

O 26 de decembro de 1960 o Goberno de Franco emitía unha Orde ministerial, publicada no Boletín Oficial del Estado (BOE) un mes máis tarde, pola que outorgaba á empresa Saltos del Sil unha concesión para construír un encoro no río Lor. Hai anos que esa zona, en pleno Courel, está protexida como Rede Natura 2000 e aspira actualmente a ser recoñecida pola Unesco como Xeoparque Mundial polas súas singulares características xeolóxicas. Porén, non foi ata este venres, cunha nova publicación no BOE, que o actual Goberno central, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, vén de anular aquel encoro nunca construído.

A concesión da ditadura para o embalse no río Lor outorgouse en pleno período de expansión franquista dese tipo de infraestruturas hidráulicas. Só catro anos antes o propio Francisco Franco inauguraba en 1956 o encoro de San Estevo, no río Sil do que o Lor é afluente uns poucos quilómetros augas arriba, considerado daquela o embalse de maior potencia eléctrica de Europa e igualmente outorgado a Saltos del Sil.

Franco, na inauguración en 1956 do encoro de San Estevo, no río Sil do que o Lor é afluente uns poucos quilómetros augas arriba Dominio Público NODO-Filmoteca Española-RTVE

Aquela nova concesión, segundo as condicións recollidas no BOE no seu momento, permitíanlle á mesma empresa desviar do río Lor para produción eléctrica un volume de auga de 30.000 litros por segundo nun salto hidroeléctrico cun desnivel de 259,5 metros que se emprazaría entre os termos municipais de Folgoso do Courel e Quiroga, en pleno canón do río. A concesión outorgouse por un período de 99 anos a partir da data en que se iniciase a explotación parcial ou total do encoro, pero as súas obras apenas se iniciaron.

A empresa comezou a executar algúns camiños de acceso, pero novas análises do terreo levaron aos seus enxeñeiros a considerar que a dificultade da execución do encoro era demasiado elevada

A empresa comezou a executar algúns camiños de acceso, pero novas análises do terreo levaron aos seus enxeñeiros a considerar que a dificultade da execución do encoro era demasiado elevada e o proxecto quedou parado de xeito indefinido. Co tempo, Saltos del Sil foi adquirida por Iberduero, actual Iberdrola, que seguía a ter aínda os dereitos daquela concesión. 

A protección ambiental do Courel coa súa inclusión na Rede Natura 2000 faría moi difícil que aquela concesión puidese ser retomada actualmente, pero o feito é que seguía vixente ata que o pasado 29 de agosto a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil iniciou de oficio o expediente para a súa extinción “por incumprimento dos prazos previstos na concesión”. Un mes máis tarde, o pasado 2 de outubro o Ministerio para a Transición Ecolóxica ditou resolución acordando “declarar extinguido” o dereito, o que agora se fai oficial coa súa publicación no BOE.

BOE de 1961 no que se outorgou a Saltos del Sil, despois adquirida por Iberdrola, a concesión para o encoro do río Lor CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.