0 Gardados para despois

Eurodeputadas ofrecen este xoves en Santiago unha charla crítica sobre o aumento do gasto militar na UE

Redacción | @prazapublica

A vicepresidenta da Subcomisión de Seguridade e Defensa do Parlamento Europeo e eurodeputada do Die Linke alemán, Sabine Lösing, visitará por primeira vez a Galicia esta semana para participar nunha charla-coloquio titulada Con esta Europa non hai paz. Non ao gasto militar. aménSerá na Facultade de Políticas da Universidade de Santiago este xoves 8 ás 19 horas e nel estará tamén a súa compañeira no grupo confederal da Esquerda Unitaria Europea / Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra. Ambas serán presentadas polo catedrático de Economía Aplicada na USC Xavier Vence.

A vicepresidenta da Subcomisión de Seguridade e Defensa da Eurocámara participa nunha charla crítica sobre o aumento do gasto militar da UE

Para Senra, organizadora do evento, é "fundamental" dar a coñecer como as institucións europeas “están comprometendo a paz na UE”. Así, a europarlamentaria galega denuncia que nestes momentos estase negociando o Marco Financeiro Plurianual para o período 2021-2027 e “as cifras destinadas á militarización e ao reforzo da industria armamentística non deixan lugar a dúbidas”.

Segundo detalla Senra, destinaranse 21.300 millóns de euros a fronteiras exteriores e seguridade, fronte aos 5.600 millóns do período anterior. En seguridade e defensa, investiranse 27.515 millóns de euros e dentro desta partida hai 13.000 millóns para crear un fondo novo de Defensa. Ademais, o capítulo de infraestruturas para facilitar a mobilidade militar financiarase con 6.500 millóns de euros dentro do Mecanismo Conectar Europa.

"Mal se pode apoiar a paz preparándose para intervir”, di Senra respecto das posibles accións conxuntas fóra da UE que propón Mogherini

“A Alta Representante da UE para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e Vicepresidenta da Comisión Europea, Federica Mogherini, propón crear un Mecanismo de Apoio á Paz para reforzar posibles accións conxuntas en países de fóra da Unión. Mal se pode apoiar a paz preparándose para intervir”, advirte Lídia Senra, que agarda que este acto sirva para "informarse, debater e poñer en común a preocupación" ante este escenario.

Tal e como lembra, ademais, a eurodeputada Sabine Lösing é vicepresidenta da Subcomisión de Seguridade e Defensa do Parlamento Europeo e unha grande experta neste tema. Durante a charla, "ofrecerá a súa visión crítica coas decisións que está a tomar a UE ao respecto dun maior gasto en militarización", na que será a primeira vez de Lösing en Galicia, que poderá ser escoitada tamén a través do servizo de tradución simultánea do alemán ao galego.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.