Un cargo de Adif centra nos imputados da súa empresa e Renfe a responsabilidade “soberana” de desconectar a seguridade do Alvia

Alfonso Ochoa de Olza, ex-director xeral de Explotación de Adif Dominio Público Congreso dos Deputados

“Asumo como propios os erros do sistema”, di quen foi director de Explotación da empresa pública, que xustifica a decisión dos seus compañeiros

Pola falta de seguridade na curva de Angrois están imputados polo xuíz instrutor seis técnicos de Adif, Renfe e Ineco, ademais do maquinista do tren Alvia que alí descarrilou ao despistarse sen que estivese activo ningún sistema que evitase ou paliase o seu previsible erro humano. Un deses imputados, o daquela director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, pedira un ano antes ao seu homólogo en Adif, Andrés Cortabitarte, tamén imputado, desconectar a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade. Este mércores un compañeiro do segundo, Alfonso Ochoa de Olza, que foi director xeral de Operacións e Enxeñaría e de Explotación en Adif, volveu atribuír en exclusiva aos dous a responsabilidade desa decisión, como xa fixo a comezos de 2014 ante o xuíz, cando a cualificou como “decisión soberana”, expresión que lle foi lembrada e que el volveu asumir.

Ochoa de Olza argumentou este mércores na sesión de tarde da comisión de investigación sobre o accidente aberta no Congreso que esa decisión de Lanchares e Cortabitarte, que o segundo lle comunicou por correo electrónico, foi adecuada porque o sistema fallaba a veces e freaba os trens. Fronte a dous expertos que xa declararon previamente nesta mesma comisión que eses fallos non afectaban á seguridade senón que só provocaban demoras comerciais dos trens, Ochoa de Olza insistiu en que eses erros non podían ser permitidos.

Ochoa restou importancia ao cambio do proxecto das vías antes da inauguración da liña incidindo en que "a realidade é que aquel tren non levaba conectado" o sistema de seguridade

O cargo de Adif, que como responsable de Operacións e Enxeñaría validou a modificación do proxecto orixinal da liña Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro, restou importancia aos cambios na seguridade das vías que implicou aquela modificación antes da inauguración en decembro de 2011 incidindo en que o fundamental no caso do accidente de Angrois foi que o sistema de seguridade estaba desconectado a bordo dos trens desde xuño de 2012, un ano antes do accidente. “A realidade é que aquel tren non o levaba conectado”, dixo, incidindo en todo caso en que a súa desconexión por Cortabitarte e Lanchares foi correcta, como tamén o era ao seu ver a configuración da seguridade existente en Angrois que deitaba a responsabilidade de adecuar as velocidades no maquinista. Era o que establecía daquela a normativa, viu a dicir. Porén, admitiu que esa normativa era mellorable, como así se fixo. “Asumo como propios os erros do sistema”, chegou a dicir.

Na sesión de tarde deste mércores da comisión de investigación no Congreso tamén compareceu outro ex-cargo de Adif, Antonio Gutiérrez Blanco, que foi director xeral de Explotación e Construción entre marzo de 2013 e finais de 2014, cando deixou esa empresa pública e pasou a traballar no departamento de Vivenda do Ministerio de Fomento despois de que se soubese que estaba a ser investigado por malversación na liña de AVE a Barcelona. Gutiérrez comezou dicindo este mércores que a súa área de coñecemento é a enxeñaría de construción física das liñas de AVE, non os seus sistemas de seguridade. Malia iso, amosou a súa “opinión persoal” de que “o accidente foi do maquinista exclusivamente”. Gutiérrez tamén expuxo que na súa opinión é necesario que determinados cargos non permanezan durante demasiado tempo en mans das mesmas persoas: “É conveniente mover un pouco a árbore porque senón todos nos adocenamos”.

Na sesión de mañá deste mércores un directivo de Renfe admitiu que, en contra do mantido por esa empresa pública, o maquinista non foi formado sobre o risco de Angrois despois da alerta que un ano e medio antes do accidente lanzara un maquinista xefe.

Antonio Gutiérrez Blanco, ex-director xeral de Explotación e Construción de Adif

Correo de Lanchares (Renfe) a Cortabitarte (Adif) pedindo permiso para desconectar o sistema de seguridade nos Alvia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.