O PPdeG culpou ata hai dous días a Sánchez de paralizar a construción de fragatas en Ferrol

Feijóo, con Tellado no acto no que anunciou a renuncia a competir no congreso do PP CC-BY-SA PPdeG

Foi o Executivo do Partido Popular quen freou a construción de fragatas nos estaleiros de Ferrol no seu intento de adaptalas aos mísiles da empresa do ex-ministro Pedro Morenés. Así o adiantou eldiario.es tras acceder á documentación na que se confirma a teima do anterior Goberno en colocarlles aos navíos ese modelo de armamento fabricado pola multinacional na que o ex-responsable de Defensa fora alto executivo. Adiouse o proxecto de deseño técnico dous anos ata que a situación foi desbloqueada no verán tras a remuda na Moncloa. Malia todo, en Galicia, Feijóo, a Xunta e o PPdeG apuntaron e culparon durante meses a Pedro Sánchez. 

“Hoxe en día, o maior risco para Navantia e para todo o sector naval é Pedro Sánchez”, dixo Tellado o pasado martes

Fixérono, literalmente, até hai dous días. O pasado martes, no Parlamento, o viceportavoz do grupo do PP, Miguel Tellado, aseguraba que “hoxe en día, o maior risco para Navantia e para todo o sector naval é Pedro Sánchez”, a quen acusou de "atopar encargos en carteira e encargarse de poñelos en perigo”.

Tellado non dubidou en sinalar o Goberno central de Sánchez por "ameazar a construción das corvetas para Arabia Saudí e ter paralizado o proxecto das fragatas F-110" que, adevertiu, "creará 7.000 empregos en Ferrolterra e garantirá carga de traballo para unha década, así como a modernización dos estaleiros". O ferrolán e tamén secretario xeral do PPdeG insistía nas súas acusacións varios meses despois de que, no verán, Defensa desbotara a compra do modelo de mísil da empresa do ex-ministro Morenés para desbloquear os trámites das fragatas. 

Tellado acusou a Sánchez de "ter paralizado o proxecto das fragatas F-110"

O Executivo de Sánchez confirma agora que a discusión sobre as opcións para armar os buques atrasaron a posta en marcha do proxecto, clave para o emprego na comarca ferrolá. Hai menos dun mes, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, urxía a Navantia e ao Goberno central a que se acelerase a orde de pedido desas fragatas. A mediados de setembro, pedía solucións ao Executivo socialista logo de que a actual ministra de Defensa, Margarita Robles, anunciase a paralización momentánea do proxecto. "Se cadra porque hai algún mísil dalgúns intereses empresariais", advertía xa daquela a responsable do Ministerio. Pero o PPdeG seguiu apuntado a outro lado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.