0 Gardados para despois

Adif acusa a un cargo de Fomento crítico coa súa actuación en Angrois de non alertar antes do risco

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A empresa pública rexeita as súas acusacións de que a curva podía ser protexida de varios xeitos e aféalle que non o propuxese durante o deseño da liña

Hai tres semanas o director do Laboratorio de Interoperabilidade Ferroviaria do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex) do Ministerio de Fomento, Jorge Iglesias, remitiu unha carta aos deputados que participan na comisión de investigación aberta no Congreso sobre o accidente de Angrois. Nela quixo desmentir afirmacións previas de varios cargos de Adif que aseguraron que unha norma técnica obrigaba a desprotexer a curva de Angrois, o que Iglesias di que non é certo. Agora Adif, nunha nota de prensa, rexeita as súas afirmacións e critica que Iglesias nunca propuxese as súas alternativas antes do sinistro.

Iglesias, na súa carta aos deputados, aseguraba que as normas técnicas que Adif di que seguiu non obrigaban á configuración concreta de seguridade da curva de Angrois que finalmente non foi capaz de evitar o exceso de velocidade do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos. Segundo a súa versión, esas mesmas normas ou regras de enxeñaría, a cuxa redación el mesmo contribuíu, permitían outras varias configuracións de seguridade alternativas que podían evitar o accidente.

"As solucións alternativas propostas por Iglesias na actualidade, cinco anos despois do tráxico accidente, conducen a situacións non aceptables ou inviables tecnicamente", di Adif

Agora, na súa nota de prensa, con data do pasado venres pero que non chegou aos medios de comunicación ata este martes por un problema no envío, Adif carga contra Iglesias. “As solucións alternativas propostas por Iglesias na actualidade, cinco anos despois do tráxico accidente, conducen a situacións non aceptables ou inviables tecnicamente", di Adif, que critica unhas afirmacións que Iglesias “non realizou durante a fase de obra e probas da liña Ourense-Santiago, o que sería desexable no exercicio das súas funcións como director de coordinación técnica de Adif (nomeado en febreiro de 2011) e que, no relacionado coa liña Ourense-Santiago, cumpría a función principal de coordinador técnico da posta en servizo de dita liña”. Adif engade que Iglesias “tiña a responsabilidade de conducir, por parte de Adif, o proceso de probas e posta en servizo, o que lle permitía ter proposto outro deseño ou, alomenos, alertar sobre riscos que, cinco anos despois do tráxico accidente, agora percibe con claridade”.

Adif di que ao non producirse ningunha alerta por parte de Iglesias no seu momento “conclúese que, no momento da construción, probas e posta en servizo de dita liña, non era en ningún modo previsible que se producise o accidente”

Adif di que ao non producirse ningunha alerta por parte de Iglesias no seu momento “conclúese que, no momento da construción, probas e posta en servizo de dita liña, non era en ningún modo previsible que se producise o accidente” e conclúe asegurando que ningún cargo de Adif mentiu durante as súas comparecencias na comisión do Congreso.

Este luns o xuíz instrutor do caso emitiu un auto no que dá por rematada a investigación do accidente e propón levar a xuízo como responsables de 80 homicidios por imprudencia tanto ao maquinista do tren como ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, ao que atribúe a responsabilidade da supervisión final da configuración de seguridade que presentaba a curva de Angrois e que o maxistrado considera insegura.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.