Artur Mas: "Catalunya precisa un Estado porque no español non encaixa"

Manifestación na Diada CC-BY-NC-ND Anna Fuster

"Catalunya precisa un Estado porque no español non encaixa". O president da Generalitat, Artur Mas, colle a luva da masiva manifestacion independentista do pasado martes e asegura en Madrid que a súa autonomía necesita un Estado propio porque fracasou no seu esforzo de "décadas" por "transformar" o español nun "Estado amable no que Cataluña puidese encaixar ben". "Se isto é así, ten que entenderse que Cataluña necesite un Estado", agregou durante unha coloquio na capital de España.

Mas asegura que Catalunya atópase nun proceso de "transición" semellante ao vivido en España hai máis de 30 anos

Artur Mas reclama que se entenda que o seu país está nun proceso de "transición" semellante ao acometido por España hai máis de 30 anos. Segundo el, iso foi precisamente o que expresou a manifestación da Diada. De non entenderse así, engadiu, cometerase "outro gravísimo erro". Ademais, dixo que se houbese dúbidas, o ideal sería consultar o pobo catalán e coñecer así a súa posición maioritaria sobre se consideran ou non unha nación.

O 'president' propón un referendo se hai dúbidas sobre o sentimento do pobo catalán

Para o xefe do Executivo catalán, que a devandita transición catalá se acelere ou se free dependerá da xuntanza que manterá co presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, a vindeira semana. "Se iso non se pode resolver, entendan que un pobo con moita historia detrás e vontade de futuro quere resolver pacíficamente, democraticamente e de forma estritamente europea ese futuro. Non nos volvemos tolos, nin nos subimos ao monte. Cando os cataláns reclaman instrumentos de Estado fano dentro do marco europeo e mesmo do euro que tentamos defender", dixo o presidente catalán.

Artur Mas, durante unha intervención ante a prensa © GenCat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.